As mobilizacións do 8-M fican prohibidas en Madrid

Na Galiza comunicáronse xa 85 manifestacións á Delegación do Goberno español
A Delegación do Goberno español en Madrid prohibiu todas as mobilizacións comunicadas polo 8-M (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
photo_camera A Delegación do Goberno español en Madrid prohibiu todas as mobilizacións comunicadas polo 8-M (Foto: H.Bilbao / Europa Press)

A Delegación do Goberno estatal en Madrid decidiu prohibir na rexión todas as manifestacións que lle foron comunicadas para os días 7 e 8 de marzo. "Tomouse a decisión firme de prohibir, por motivos de saúde pública, todas as manifestacións e concentracións convocadas, nun momento en que a Comunidade de Madrid segue a ser un dos territorios de España con maior índice de contaxios así como de persoas hospitalizadas", indicou o delegado do Goberno, José Manuel Franco.

Pola súa banda, a ministra de Igualdade, Irene Montero, criticou, após coñecer a decisión, a quen "quere negar ás mulleres o dereito á rúa", un dereito, apostilou, "que tanto custou conseguir". "A rúa é para estudar, para traballar, para reivindicar e conquistar dereitos", declarou. Iso si, apuntou que "como membro do Goberno" está "obrigada" a cumprir "escrupulosamente" coas recomendacións das autoridades sanitarias. "Así o dixemos estes días insistentemente", indicou, para incidir na necesidade de "facer caso ás recomendacións".

A Comisión 8-M, convocante das manifestacións do Día Internacional das Mulleres nos últimos anos en Madrid, denunciou a prohibición e asegurou que o feminismo estará nas rúas o 8-M. Pola súa banda, Movimiento Feminista de Madrid, outra entidade convocante, anunciou a presentación dun recurso e critican que na capital do Estado transcorran "manifestacións de todo tipo", que os transportes públicos vaian "ateigados" ou que as terrazas están "cheas", mais que o feminismo non se poidan manifestar. 

85 manifestacións na Galiza

As subdelegacións do Goberno español na Galiza xa recibiron 85 comunicacións de manifestacións e concentracións, segundo puido saber Nós Diario. Ao feche desta edición non había ningunha prohibida. 

Cando as subdelegacións reciben unha comunicación de mobilización remiten a información a Saúde Pública da Xunta da Galiza. Fontes da Delegación do Goberno español confirmaron a Nós Diario que Saúde Pública xa empezou a responder algunhas das comunicacións e que, polo de agora, "a resposta é a mesma que deu nas 600 concentracións e manifestacións de xaneiro e febreiro", é dicir, un escrito en que Saúde Pública non aclara se permite ou non a mobilización, e no que se limita a pedir que se cumpran as normas.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, preguntado ao respecto após a reunión semanal do Executivo galego, instou o Goberno español “a aclarar” se as manifestacións do 8-M están prohibidas ou non no Estado e criticou que o ano pasado se tiveran permitido, cando xa no continente europeo se produciran contaxios de coronavirus, afirmou.

Comentarios