Galiza após o primeiro ano de Goberno de coalición PSOE-Podemos no Estado

Tal día como hoxe, 7 de xaneiro, pero de 2020, Pedro Sánchez era investido presidente polo Congreso, obtendo luz verde para formar o primeiro Goberno de coalición do Estado desde a II República. Un dos acordos que posibilitaron a investidura comprometía a rebaixa das peaxes da AP-9 (o asinado co BNG). Un ano despois as portaxes desta autoestrada non só non baixaron, senón que foron na que máis subiron do Estado. Orzamentos, reparto de fondos e blindaxe ante a Covid-19 foron outros dos puntos quentes entre España e a Galiza nestes 12 meses. 
Pedro Sánchez, facendo balance do ano de Goberno (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, facendo balance do ano de Goberno (Foto: E. Parra / Europa Press)

2020 remataba co traspaso do Pazo de Meirás ao público, logo de que a xustiza estimase integramente a demanda interposta polo Estado e declarase este propietario do pazo, en mans da familia Franco durante décadas. 

En 2020 tamén se deu a suba de 5,5% do salario mínimo interprofesional, situándose en 950 euros ao mes en 14 pagas. A fin da Lei Wert no ensino, a regulación da eutanasia ou a suba das pensións para 2021 constan nos fitos do Executivo que afronta, ao mesmo tempo, varios confrontos na Galiza.

O incremento dos prezos das peaxes aplicado o 1 de xaneiro na AP-9 provocou un aluvión de críticas sobre o PSOE e Unidas Podemos, após teren anunciado que os orzamentos do Estado  traerían bonificacións e rebaixas nesta autoestrada.

O PSOE aseguraba esta semana que estaba a traballar para logralo, mais o certo é que mesmo os orzamentos do Estado contaron con forte oposición na Galiza á dereita e esquerda.

Tanto o PP e o Goberno da Xunta como o BNG cargaron contra as contas do Estado por deixaren un investimento na Galiza para 2021 de 832 millóns, o que supón unha redución das partidas de até 11% respecto ao que estivo recibindo o país até o de agora cos orzamentos de Montoro de 2018. De feito, as contas do actual Executivo supoñen o investimento máis baixo dos últimos 15 anos para a Galiza, mentres que o investimento global medrou nos orzamentos por riba de 68%.

Fondos de recuperación

Os criterios para o reparto entre as comunidades autónomas do fondo Covid estatal de 16.000 millóns (dividido en catro tramos) para facer fronte aos estragos económicos da pandemia deixaron Galiza mal parada.

As ordes aprobadas atenderon factores como o número de probas PCR realizadas ou de ocupación de unidades UCI e camas hospitalarias por comunidade, sen atender factores da realidade galega como o encarecemento do custo dos servizos que implica a súa prestación nun país con gran dispersión e envellecemento poboacional.

Así, o reparto total dos 16.000 millóns encabézao Madrid (3.346 millóns), seguido de Catalunya, Andalucía e o País Valencià. As catro xuntas levan máis da metade do fondo, mentres que a Galiza fica moi por baixo, con 735 millóns. 

O agravio no reparto das partidas estatais repítese tamén na distribución que fai España entre as comunidades do fondo React-EU, unha das liñas da Unión Europea fronte á pandemia. A distribución, centralizada polo Estado, deixa para Galiza 441 millóns, 4,4% do total do fondo que recibe España (10.000 millóns).

O presidente da Xunta cargou contra Sánchez por priorizar Catalunya a cambio dos votos de ERC para sacar adiante as contas do Estado. Porén, a que máis sae beneficiada é Andalucía, que xunto a Catalunya, Madrid e Valencia volve levar a metade do fondo.

Os indicadores para o reparto reinciden en ignorar a realidade galega, atendendo, segundo a orde de Facenda, a unha medición do impacto da pandemia na riqueza da comunidade,  no desemprego e, en particular, no desemprego xuvenil. 

Negativa a intervir Alcoa

2021 comeza coa crise da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) sen aínda ver luz. Cun ano de demora, o Consello Ministerial daba luz verde en decembro a un estatuto electrointensivo acollido con decepción polos sindicatos que alertan de que non valerá para asegurar unha tarifa asumíbel, estábel e predicíbel para o sector.

Aliás, o Estado segue sen efectuar a intervención pública de Alcoa que exixe o cadro de persoal salvar o emprego e a produción. 
 

Blindaxe e reposición

"O virus non entende de fronteiras", repetían no Goberno de España -tamén desde a Xunta- para oporse ao fechamento de Madrid e das comunidades que formacións nacionalistas e algúns Gobernos autonómicos pedían para os seus territorios ante o espallamento do virus. Finalmente, meses despois, entendeuse que o fechamento salvaba vidas e efectuouse.

Seguindo en materia sanitaria, os partidos galegos, Parlamento e Xunta instaron ao longo de 2020 o Goberno español a retirar a taxa de reposición do persoal sanitario que impide que se poidan ofertar polas comunidades autónomas todos os postos que se estimen precisos. 

Tanto esta cuestión como a conexión ferroviaria interior, con cercanías, e exterior, con España e Portugal, semella que seguirá a ser motivo de reivindicación na Galiza fronte ao Estado durante os tres anos de mandato que restan e que Sánchez quere completar.

Comentarios