Gales acaba co 'veto parental' nas escolas

As crianzas galesas terán que recibir educación sexual e relixiosa a partir de 2022, segundo anunciou esta semana o Goberno. As familias tiñan até agora a potestade de oporse á educación sexual.
study-in-uk-schooling-in-england-based-school-2203387
photo_camera Durante o perído dun ano haberá un período de proba, sinalou a ministra de Educación (Nós Diario)

As crianzas galesas terán que recibir educación sexual e relixiosa a partir de 2022. As familias xa non terán a posibilidade de facer uso do que, no noso ámbito, se deu en coñecer como "veto parental". Confirmouno esta semana a ministra de Educación, Kirsty Williams, que informou dun período de proba durante o vindeiro ano até a súa consolidación obrigatoria no currículo para o seguinte curso escolar. 

Esta medida chega tras un período de debate e de consultas de oito semanas, desde o 3 de outubro ao 28 de novembro de 2019. Neste período, toda a documentación referente a este asunto estivo dispoñíbel ao público na web do Goberno, onde aínda se pode consultar. Durante a conferencia de prensa para informar da decisión, a pasada terza feira, Williams dixo que sería necesaria unha "implementación sensíbel e coidadosa"

Orientación e recursos

"A nosa responsabilidade como Goberno é asegurar que a mocidade, a través da educación pública, ten acceso a unha aprendizaxe que lle permita abordar e comprender os seus dereitos e os dereitos dos demais", sinalou desde o Senedd, a Asemblea Nacional galesa.

A resolución adoptada polo Executivo galés enmárcase na elaboración do novo currículo escolar, que entrará en vigor en 2022 para a educación primaria e para o primeiro ano da secundaria, e que se estenderá ao alumnado de até 16 anos en 2026. Segundo figura na súa web, estará divido en seis temáticas: matemáticas e aritmética; linguas, lectoescritura e comunicación, saúde e benestar; humanidades; ciencia e tecnoloxía, e expresión artística.

"É esencial que á xente nova se lle proporcione información que a manteña segura", afirmou Williams, e engadiu que "a decisión de hoxe acredita que todo o alumnado aprenderá sobre temas como a seguridade online e as relacións persoais saudábeis". 

A ministra prometeu ademais que habería unha orientación clara para as escolas, así como cursos preparatorios e recursos.

Dereito das familias 

Os grupos relixiosos no país son os que máis pexas puxeron á medida. Consideran que este tipo de cuestións deberían ser abordadas desde a perspectiva persoal de cada familia, en base ás súas crenzas relixiosas e culturais. As clases de educación sexual "poden non ser apropiadas para as crianzas", sinalan. 

Nunha consulta previa realizada polas autoridades educativas, 89% das persoas participantes consideraron que era un dereito das familias poder facer uso do chamado "veto parental", é dicir, decidiren que as fillas e os fillos non atendan a determinadas materias, unha situación que se producía até o de agora en Gales e que a ministra Kirsty Williams cualificou de "anomalía".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios