martes 28.01.2020

Gaélico en Irlanda do Norte: "É un comezo, mais non o destino final"

O pasado sábado a Asemblea de Irlanda do Norte retomou a actividade tras chegarse a un acordo. Este inclúe numerosas e importantes cuestións, mais hai unha que polo seu simbolismo cobrou especial relevancia: a oficialización do gaélico. Falamos con Ciarán MacGiolla, máximo representante das asociacións Conradh na Gaeilge e An Dream Dearg nos Seis Condados.
Ciarán MacGiolla, terceiro pola dereita,  avoga por unha lei integral para o gaélico (An Dream Dearg)
Ciarán MacGiolla, terceiro pola dereita, avoga por unha lei integral para o gaélico (An Dream Dearg)

Un dos puntos máis controvertidos no proceso de negociación para que a Asemblea de Irlanda do Norte recuperara a súa voz pasou pola lingua. Finalmente, apremados por Londres, os unionistas do DUP e os nacionalistas do Sinn Féin deron o seu visto bo ao documento redactado polos Gobernos do Reino Unido e de Irlanda, New Decade, New Aproachment ("Nova década, novo achegamento"), que contempla grandes avances para a oficialización da lingua irlandesa nos Seis Condados, mais que non satisfai por completo as arelas da comunidade gaélico-falante nin do nacionalismo.

O documento, por exemplo, contempla a modificación da Northern Ireland Act de 1998, a lei de devolución de poderes (a Autonomía) desta parte da illa de Irlanda baixo soberanía británica. Serán tres normas que permitirán estabelecer unha Oficina de Identidade e Expresión Cultural para a lingua irlandesa. Tamén para "a tradición dos scots do Ulster/británicos do Ulster británicos" (que os unionistas reclaman como propia, contrapoñéndoa á irlandesa).

MacGiolla, en conversa telefónica con Nós Diario, considera que o acordo proposto representa "un avance histórico", que potencialmente proverá protección legal ao irlandés "por parte dun Estado que o discriminou e o excluíu durante case un século e que encarceraba os que o ousaban falar ou promover". "Durante este tempo ─aclara─ a lexislación foi designada para limitar o crecemento do irlandés". Neste sentido, salienta o "intenso traballo" liderado polo Dream Dearg durante estes tres anos de parálise en Stormont.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios