O gaélico enlea o Goberno de Irlanda do Norte e causa outra fenda no unionismo

Con división interna dentro do propio DUP, a Asemblea para Irlanda do Norte aprobou onte a designación de Paul Givan como novo primeiro ministro para a provincia británica. O compromiso de aprobar unha norma de protección do gaélico ameazou con ser, como nos últimos anos, serio motivo de bloqueo, mais o Sinn Féin logrou un compromiso de Londres.
EuropaPress_3767673_08_june_2021_northern_ireland_belfast_newly_appointed_northern_ireland
photo_camera O novo primeiro ministro, Paul Givan, fala ante os medios. Á esquerda da foto, Edwin Poots, líder do DUP (Foto: Liam Mcburney / PA Wire)

Paul Givan, do Partido Unionista Democrático (DUP), e Michelle O’Neill, do Sinn Féin, foron designados primeiro ministro e viceprimeira ministra de Irlanda do Norte nunha sesión especial da Asemblea (o Parlamento de Stormont) desenvolvida onte.

A aprobación chegou, porén, despois dunha seria ameaza de bloqueo como o que mantivo sen Goberno durante tres anos, desde 2017 a 2020, este territorio irlandés baixo soberanía británica. O Acordo de Venres Santo (1998) obriga a un Goberno de unidade entre os partidos maioritarios.

As relacións entre as principais formacións unionista, o DUP, e nacionalista, o Sinn Féin, foron sempre tensas desde entón, mais deterioráronse a comezos da década pasada por varias cuestións sobre as que manteñen posturas irreconciliábeis: o aborto, os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, a xestión do legado dos Trouble (o enfrontamento armado entre 1968 e 1998). E tamén, a cuestión lingüística.

Foi, con todo, unha disputa nun tema "menor" a respecto do plan enerxético a gota que colmou o vaso en 2017. As institucións mantivéronse bloqueadas durante tres anos até que en xaneiro de 2020, ante a presión de Londres, se chegou a un acordo.

Outono lingüístico

De novo Londres tivo que interceder esta semana ante o risco de que se producise un novo bloqueo, dando garantías ao Sinn Féin de que se respectarán os acordos acerca do recoñecemento de dereitos lingüísticos.

A intervención prodúcese ademais nun momento en que as tensións polo protocolo para Irlanda do Norte, tras a aprobación do Brexit, trouxeron de volta os choques sectarios ás rúas de Belfast e doutras cidades, co unionismo acusando a Londres de "traizón"

As reunións da cuarta feira entre os partidos e o secretario de Estado británico para Irlanda do Norte, Brandon Lewis, estendéronse á madrugada de onte sen se albiscar unha saída. O Sinn Féin puxo encima da mesa o veto á formación de Goberno de se incumprir o pactado a respecto da lingua.

Foi entón, segundo explicou a BBC, que Lewis se comprometeu a que o Parlamento británico aprobaría a lexislación sobre o gaélico en caso de que Stormont non o faga antes de outubro.

O acordo marco de xaneiro de 2020, elaborado por Londres, contemplaba grandes avances para a oficialización da lingua irlandesa. Lewis dixo sentirse "decepcionado" co Goberno norteirlandés por non ter avanzado lexislativamente ao respecto.

"Non obstante, logo das miñas intensas negociacións cos partidos nos últimos días, podo confirmar que se o Executivo non realizou progresos na lexislación para finais de setembro, o Goberno do Reino Unido levará a lexislación ao Parlamento de Westminster", afirmou. "Se resulta necesario, presentarémola en outubro de 2021", especificou.

"Inclusión e respecto"

Ao respecto, a líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, mostrouse satisfeita pola decisión de Lewis e cualificouna como "a única vía viábel" para rachar co bloqueo, segundo recolleu The Irish Times. "Teremos que estar vixilantes neste asunto, algo que xa falamos co Goberno británico, asegurar que non poida haber ningún bloqueo ou mecanismo do DUP no último momento". 

"Este asunto dos dereitos lingüísticos é o conto de nunca acabar", sinalou nunha comparecencia de madrugada. "Durante moito tempo, o DUP procurou frustrar estes dereitos [...] E esta noite rachamos ese tapón de obstrucionismo do DUP", sinalou. 

E engadiu: "Non é só importante para os falantes de irlandés, é importante para toda a sociedade porque o poder compartido se basea na inclusión, no recoñecemento e no respecto".

División no DUP

O resultado final, porén, non gustou en absoluto dentro das filas do DUP. O seu líder, Edwin Poots, recibiu ás 10 horas un correo electrónico de varios parlamentarios, filtrado á prensa, pedíndolle paralizar o proceso de designación de primeiro ministro, informou Belfast Telegraph.

Poots foi quen encabezou en abril o motín contra a ex líder do partido e ex primeira ministra, Arlene Foster, criticada polas súas concesións a respecto do Brexit ou por ser considerada demasiado liberal en temas sociais como o aborto ou os dereitos dos homosexuais.

Pola súa banda, Poots oponse á descriminalización do aborto e declárase creacionista ─sostén que a Terra foi creada hai uns 4.000 anos─. Sendo ministro de Sanidade, mantivo o veto a que as persoas homosexuais puidesen doar sangue e é contrario a que poidan adoptar crianzas.

"En numerosas ocasións vostede falou da necesidade de render contas e da transparencia dentro do partido, e agora é vital que consulte con nós, como representantes do pobo de Irlanda do Norte, antes de proseguir adiante", solicitaron a Poots os asinantes.

Esa consulta produciuse antes da sesión na Asemblea, e segundo a BBC, 24 dos 28 presentes (o DUP conta con 27 dos 90 asentos de Stormont) votaron a favor de parar o proceso debido ao compromiso a respecto do gaélico. 

Con todo, Givan e O’Neill foron finalmente confirmados. Unha importante vitoria política para o Sinn Féin. E  unha nova "traizón" de Londres a un unionismo máis fracturado, con previsíbeis consecuencias políticas e sociais no futuro inmediato. 

Polémica polo apoio desde Dublín á reunificación da illa

"Creo na unificación da nosa illa e creo que pode suceder durante o meu tempo de vida", declaraba o viceprimeiro ministro de Irlanda e líder do conservador Fine Gael, Leo Varadkar, durante unha reunión do seu partido na terza feira. As palabras provocaron reaccións políticas nos últimos días. McDonald celebrounas e dixo que "abofé que sucederán durante o tempo de vida" de Varadkar.

Mentres, o secretario de Estado Lewis foi crítico. Dixo que eran de "pouca axuda" nun momento de tensións en Irlanda do Norte, e suxeriu que se daban pola suba nas enquisas do Sinn Féin. 

Varadkar retrucou onte afirmando que "a aspiración da unificación está na nosa Constitución e no Acordo de Venres Santo",  e o ministro Simon Harris afirmou que "non necesitaban permiso británico" para falar do tema.

Comentarios