A Fundación Galiza Sempre convida o neto de Allende a un encontro virtual

A Fundación Galiza Sempre, en colaboración co Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes, organiza este sábado, 14 de novembro, o encontro telemático “Pobos e solidariedade. Chile após o plebiscito”.

Luis Sepúlveda Allende (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Pablo Sepúlveda Allende (Imaxe: Nós Diario).

“Pobos e solidariedade. Chile após o plebiscito” e nome do novo encontro telemático que organiza a Fundación Galiza Sempre, en colaboración co Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes.

Decorrerá este sábado, día 14, a partir das 20 horas a través da canle de Facebook da Fundación Galiza Sempre e do BNG e enmárcase no ciclo de conferencias Diálogos desde a Periferia.

Desta volta, a Fundación Galiza Sempre convida Pablo Sepúlveda Allende, activista chileno e neto do presidente Salvador Allende, a dar un repaso dos acontecementos que tiveron lugar en Chile no último ano e a falar da vixencia da Vía Chilena ao Socialismo cando se fan 50 anos da vitoria de Unidad Popular.

Pablo Sepúlveda naceu en México durante o exilio da súa familia após o golpe de Estado de Pinochet. Nos anos 90 regresou a Chile e anos máis tarde marchou a Cuba para iniciar os seus estudos en Medicina. Desde hai uns anos reside en Venezuela onde exerce de médico sen abandonar o compromiso co seu país.

Este mesmo ano, Allende foi detido pola policía chilena xunto a outros compañeiros do movemento Salud en Resisitencia mentras atendía a varias persoas feridas nunha carga policial durante unha manifestación nas rúas de Santiago de Chile.

Ciclo de conferencias

Este é o sexto encontro telemático que organiza a Fundación Galiza Sempre no marco do citado ciclo desde o comezo da pandemia co fin de achegar ás casas referencias no eido social, do soberanismo, da esquerda e dos movementos emancipatorios tanto da Galiza como do panorama internacional.

Esta mesma semana tiña lugar en Diálogos desde a periferia a conferencia "Un urbanismo alternativo", no que tomaron a palabra a tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, e os sociólogos Antonia Luciani e Francesco Tonucci.

Un dos encontros máis seguidos xuntou, vía internet, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co ex presidente de Bolivia Evo Morales.

Comentarios