O funcionamento do consulado de Venezuela na Galiza é "totalmente normal", di o seu titular

_MG_0107 (1)
photo_camera Martín Pacheco, fotografado na redacción de Sermos.

"O funcionamento do consulado é plenamente normal. Estamos a atender unha media de 100 persoas ao día. E, grazas a Deus, sen ningún tipo de alteración nin incidentes", dixo esta cuarta feira a Sermos o cónsul de Venezuela na Galiza, Martín Pacheco.

Martín Pacheco, que recentemente concedeu unha entrevista a Sermos, non recibiu ningunha notificación de Caracas a respecto dunha eventual mudanza no status da representación diplomática venezuelana no noso país. Isto significa que tampouco houbo ningunha comunicación oficial do Estado español á embaixada do país caribeño en Madrid. "A embaixada non recibiu ningunha notificación até agora por parte do Ministerio de Asuntos Exteriore español, do contrario nós xa o saberiamos", afirma o cónsul.

O recoñecimento de Guaidó como presidente interino de Venezuela coloca problemas de técnica xurídica non facilmente solventábeis ao non existir precedentes de nada parecido. Nas relacións internacionais a norma é recoñecer estados e non gobernos concretos.

Do punto de vista da legalidade internacional, a marcada por Nacións Unidas, o único goberno lexítimo de Venezuela é o que encabeza Nicolás Maduro.

Guaidó xa tería eleito a persoa que sería o seu voceiro en España. Trátase do membro da Asemblea Nacional Antonio Ecarri, membro de Acción Democrática, partido compañeiro do PSOE na Internacional Socialista. Perguntado sobre el, o ministro de asuntos exteriores español, Josep Borrell, mostrouse irónico: "A quen llo anunciou? [o seu nomeamento] Saíu á praza e díxoo?". O chefe da diplomacia española engadiu: "Non temos ningunha noticia ao respecto".

En realidade en círculos diplomáticos dáse por seguro que polo de agora Ecarri será só un representante político de Guaidó e que en ningún caso recibirá consideración oficial como embaixador.

Comentarios