venres 30/10/20

O fume dos incendios deixa os pulmóns vulnerábeis ante a Covid

A inhalación das pequenas partículas que contén altera o sistema inmunolóxico e fai que as persoas sexan máis proclives a se contaxiar coa enfermidade que provoca o coronavirus ou outras como a gripe. Os intensos lumes na costa oeste dos EUA preocupan os expertos tamén neste sentido.

EuropaPress_3309653_10_september_2020_us_monrovia_man_stands_in_front_of_takeaway_restaurant_as
As montañas do Parque Natural de Los Angeles vistas desde a localidade californiana de Monrovia (David Swanson / Zuma Wire)

"É algo que temos que observar con coidado, porque existen evidencias de que a contaminación do aire deprime o sistema inmunolóxico e provoca que as persoas sexan máis susceptíbeis á gripe e, por suposto, potencialmente ao coronavirus". Son afirmacións de Perry Hystad, experto en epidemioloxía ambiental e profesor Universidade Estatal de Oregon.

Business Insider analizou as consecuencias que están a ter os masivos incendios que devastan os tres Estados da costa oeste dos Estados Unidos, Washington, Oregon e California. A poboación de toda esta ampla rexión, aínda non tendo o lume próximo si que se está a ver afectada igualmente pola contaminación do aire coas partículas procedentes dos incendios.

Segundo datos oficiais, os niveis de contaminación bateron todos os récords nos tres Estados durante a semana pasada, e a previsión é que o aire tardará aínda varios días en volver aos valores previos. Con base en estudos previos a respecto de maiores contaxios de gripe na poboación próxima a incendios, preocupa agora como isto pode afectar no que á Covid se refire.

Irritación pulmonar

Sábese que as partículas que contén o fume dun incendio están relacionadas ademais co incremento no risco de sufrir un ataque ao corazón, apoplexía ou morte prematura. Isto no longo prazo. No curto, en xente sen doenzas previas, provoca forte irritación ocular e pulmonar que causa tos, episodios de asma e dificultade en xeral para respirar.

"No período en que se producen incendios, rexistramos máis ingresos hospitalarios con problemas respiratorios como pneumonías", afirma Stephanie Christenson, especialista pulmonar e de coidados intensivos na Universidade de California, en San Francisco. "Realmente hai unha maior mortalidade despois dos incendios, que cremos que se debe a problemas de saúde, non só por causa directa do lume", sinala.

comentarios