A fronteira entre Polonia e Bielorrusia cóbrase a morte de catro inmigrantes

A ONU pide unha "investigación inmediata" e priorizar os dereitos humanos á política.
EuropaPress_3908388_01_september_2021_poland_usnarz_gorny_police_officers_stand_on_guard_next
photo_camera Axentes da Policía polaca en Usnarz Gorny, na fronteira bielorrusa (Foto: Attila Husejnow / SOPA)

As principais axencias migratorias de Nacións Unidas mostraron a súa consternación polas mortes de migrantes en áreas fronteirizas entre Bielorrusia e Polonia e reclamaron unha "investigación inmediata sobre a traxedia", ao tempo que avogaron por priorizar os dereitos humanos fronte a calquera consideración de índole política.

As autoridades dos dous países veciños confirmaron nestes últimos días a morte de polo menos catro persoas, dúas delas de nacionalidade iraquí, segundo a Organización Internacional para as Migraciones (OIM) e o Alto Comisionado da ONU para as Persoas Refuxiadas (Acnur).

O presidente bielorruso, Alexander Lukashenko, advertiu a finais de maio de que non controlaría o fluxo migratorio como represalia polas sancións impostas pola UE tras a represión das protestas contra os resultados electorais. Na práctica, isto traduciuse nun notábel incremento das chegadas cara a Polonia, Lituania e Letonia, que á súa vez están a levar duras medidas represivas para evitar a entrada destas persoas.

Desde o 2 de setembro está vixente o estado de urxencia en 183 poboacións polacas limítrofes con Bielorrusia, onde ademais se está a construír un muro de tres metros de altura. Unha medida esta última que tamén adoptaron os Gobernos lituano e letón. 

"Envelenamento"

Varsovia, que tamén decretou o envío dun total de 2.000 soldados á zona, acusou a Bielorrusia de envelenar os inmigrantes mortos. "Os dous refuxiados que acompañaron ao falecido proporcionáronnos información, que queremos verificar, segundo a cal, un dos iraquís falecidos inxeriu unha pastilla que, segundo eles, lle entregou un soldado bielorruso", declarou o ministro polaco do Interior, Mariusz Kaminski, en conferencia de prensa.

Acnur e a OIM, que solicitaron poder acceder aos inmigrantes varados en terra de ninguén,  salientaron nun comunicado conxunto que "algúns grupos quedaron bloqueados durante semanas, sen acceso a ningunha asistencia, asilo ou servizos básicos. Moitos viven situacións desesperadas, expostos aos elementos, con hipotermia, e algúns foron rescatados en lameiros". 

Neste sentido, e malia recoñeceren que estes movementos levan aparellados "desafíos significativos", tamén chamaron a que calquera resposta sexa acorde coas "obrigas legais internacionais"."Aínda que os Estados teñen o dereito soberano a xestionar as súas fronteiras, isto non é incompatíbel co respecto dos dereitos humanos, incluído o dereito a solicitar asilo", dixeron. 

Comentarios