O fillo maior da infanta Elena e Jaime de Marichalar e sobriño do actual rei Filipe VI, Froilán, está a ser un dos temas de debate do día nas redes sociais. Malia que non é a primeira vez que o mozo chama a atención da cidadanía polos seus comportamentos, neste caso hai certa crispación polo exemplo dado por un membro próximo á Casa Real na loita contra o coronavirus.
Mentres se suceden os fechamentos de territorios e negocios e ascenden as cifras de contaxios, Froilán foi ‘cazado’ en plena saída nocturna polas rúas de Madrid sen máscara e sen respectar a distancia social coas súas amigas e amigos e outras persoas.
As imaxes de Europa Press non transcenderon até hoxe, cando tiveron unha expansión moi rápida polas redes. O malestar quedou claro na gran maioría dos comentarios das e dos usuarios.
Se ben é certo que na colección de fotos que ten ao sobriño do rei como protagonista hai algunhas imaxes nas que aparece coa máscara baixada para fumar e falar, noutros casos non hai rastro dese elemento de protección contra a segunda onda da pandemia.
Ademáis, a situación na que foi captado o membro da familia real dá idea de que vai acudir a un botellón na rúa.
Esta situación vén a coincidir no tempo cun novo escándalo relacionado cos seus avós, aos que se está a investigar polo presunto uso de tarxetas opacas.
Mais o que o leva a ser trending topic en Twitter xa non só é iso, senón o feito de que a súa irmá, Victoria Federica, xa fora descuberta en distintos escenarios incumprindo as medidas de seguridade impostas polas autoridades sanitarias para toda a cidadanía.