Frío e fame devoran os meniños sirios

As crianzas desprazadas, principais vítimas dunha década de guerra.
crianza_siria_inverno
photo_camera Unha crianza siria no campamento de refuxiados para desprazados internos de Quneitra, no suroeste do país, nunha imaxe de arquivo (Foto: Unicef)

No século XXI, tras anos de evolución que mesmo levaron o ser humano ao espazo, un de cada dez habitantes do Planeta pasa fame. Son arredor de 811 millóns de persoas, segundo os datos recollidos no Panorama Global Humanitario 2022 da ONU. 

O informe anual salienta varios puntos críticos: Siria, referente histórico para o mundo árabe, é actualmente canda o Afganistán ou o Iemen (e Somalia, República Democrática do Congo e Sudán do Sur, en África) un lugar maldito para vir ao mundo. 

Á "incómoda ou dolorosa sensación física causada polo insuficiente consumo de enerxía na dieta" ─ así define a fame a FAO, a axencia da ONU para a Alimentación e o Agro─, súmase o intenso frío invernal. Polo menos dous bebés faleceron esta semana debido ás baixas temperaturas nos campamentos para refuxiados da provincia de Idlib, no noroeste de Siria, segundo informou nun comunicado o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos.

A exposición ás inclemencias do tempo vén provocada polo conflito armado que dura xa máis dunha década. "Cada inverno, os menores desprazados nesta área e as súas familias vense obrigados a soportar insólitas temperaturas frías sen roupa de abrigo, comida nin calefacción que os protexa", sinalou a ONG Save the Children.

Os dous bebés mortos non foron nin os primeiros nin os últimos dos últimos días. Hai dúas semanas, segundo datos do Observatorio, outro meniño dun mes de vida perdeu a vida por causas derivadas das baixas temperaturas cando se atopaba no interior dunha tenda de campaña na veciña provincia de Alepo. 

O coordinador humanitario da ONU Mark Cutts describiu "escenas terroríficas" no actual inverno sirio. "Unhas 100.000 persoas víronse afectadas polas intensas nevaradas e arredor de 150.000 están a pelexar coa chuvia e as xélidas temperaturas", relatou.

Intensificación da violencia

Os datos que manexan os organismos internacionais son dramáticos: unha de cada tres crianzas (28%) menores de cinco anos sofren malnutrición crónica. No total da poboación de 20 millóns, uns 12,4 millóns de habitantes padecen inseguridade alimentaria. Isto supón 4,5 millóns máis que 12 meses antes, a maior cifra xamais rexistrada, apunta o Programa Mundial de Alimentos.

Son vítimas indirectas do conflito armado. Mais a violencia tamén se cobra vidas de meniños directamente. As últimas ─seis, segundo confirmou nesta sexta feira Unicef─ faleceron no operativo que Estados Unidos lanzou contra o líder de Estado Islámico (ISIS).

O Pentágono lanzará unha investigación para esclarecer que foi o que aconteceu, mais asegurou que as primeiras informacións apuntan a que Abu Ibrahim al-Hashemi al-Quraishi foi quen provocou as mortes ao se facer estourar coa muller e os fillos.

O operativo chegou logo de as Forzas Democráticas Sirias (SDF), lideradas polos kurdos, recuperaren o control da prisión de Ghwayran, en Al-Hasaka, no nordeste do país, despois dunha semana de choques co ISIS, que lanzou un asalto para liberar os centos de membros alí detidos. Uns 850 menores, segundo Unicef, víronse atrapados na batalla. 

Tanto nesa zona, como especialmente no noroeste sirio, o número de desprazados medrou dramaticamente nas últimas datas.

Ao respecto, Martin Griffiths, vicesecretario da ONU para asuntos humanitarios, dirixiuse a semana pasada ao Consello de Seguridade para exixir que o inverno que conxela os meniños de frío non conxele tamén a actuación da comunidade internacional á hora de protexelos. 

O ISIS aliméntase da situación de pobreza

A operación que acabou coa vida do líder do ISIS foi celebrada en Washington e, especialmente polos kurdos, nomeadamente pola minoría kurdófona yazidí, que sufriu o xenocidio orquestrado en 2014 por Al-Hashimi. Os yazidís que sobreviviron o masacre sufriron nos últimos días os bombardeos que Turquía levou a cabo no norte de Siria e no Iraq. O ataque produciuse en días de dó, cando os kurdos enterraban os mortos no motín de Ghwayran. A morte de Al-Hashimi pausa o rexurdimento vivido polo ISIS nos últimos tempos, mais non o frea. As condicións de fame e de pobreza que deron cheda ao seu nacemento e crecemento persisten.

Comentarios