Comparan a prenda cun "sinal de adhesión ao jihadismo"

Franza lanza unha ofensiva contra os 'burkinis'

Praias de Cannes, Villeneuve-Loubet, Le Tourquet e Sisco (Córsica) prohiben o uso desta prenda cunha medida que multou xa tres mulleres.

Burkini
photo_camera [Imaxe Orangdalam]

Até o momento tres mulleres foron multadas en praias de Cannes, a primeira localidade en prohibir o uso do burkini como foi acuñado o traxe de baño integral, e outras seis foron advertidas por iren aos areais "demasiado cubertas", segundo recolle o Nice Matin, ao tempo que as instaron a se espir ou abandonar a praia. 

A polémica norma que impide as mulleres musulmás vestir esta prenda foi adoptada tamén en Villeneuve-Loubet, Le Tourquet e en Sisco (Córsica). Neste último caso, após o conflito xurdido candro tres familias musulmás, entre as que se atopaban mulleres con traxe de baño integral, interpelaron un grupo de adolescentes que lles estaban a tirar fotografías. O que comezou como unha discusión na praia rematou en disturbios o que levou o goberno municipal de Sisco a prohibir o uso da prenda. 

A Ministra de Dereitos das Mulleres francesas dixo que aquelas que defenden o uso do burkini son como "negros que apoian a escravitude"

A prohibición foi apoiada polo goberno central francés e tamén polos tribunais, após as denuncias presentadas polo Colectivo contra a islamofobia (CCIF) e a Liga dos dereitos humanos que tildan a medida de ilegal. Desde o Tribunal de Niza aseguraron nun auto que a norma non contravén o artigo primeiro da Constitución francesa que defende Franza como unha república laica e prohibe a calquera persoa "facer prevalecer as súas crenzas relixiosas sobre o respeito das regras comúns". Aliás, o xuíz responsábel da sentenza referenciou os recentes atentados que tiveron lugar no país, concretamente o de Niza a mediados do mes de xullo, para asegurar que no actual estado de emerxencia o traxe de baño integral constitúe "algo máis que un simple signo relixioso". 

Terrorismo e hixiene

As normas municipais aprobadas, inspiradas unhas nas outras, baséanse na consideración de que esta prenda "manifesta de maneira ostentosa unha pertenza relixiosa cando Franza e os lugares de culto son actualmente obxectivo de ataques terroristas" o que coidan "pode provocar disturbios de orde pública" segundo recolle o decreto aprobado en Cannes. O director xeral de servizos municipal foi alén diso e declarou aos medios de comunicación, segundo recolle Francetv info que o "burkini" é "un sinal de adhesión ao jihadismo" e carrexa "problemas de hixiene". 

Este verán estamos a ser testemuñas dunha islamofobia política histérica que pon uns cidadáns contra outros

Pola súa banda a Ministra dos dereitos das mulleres --o goberno francés amosou o seu apoio ás medidas adoptadas mais asegurou que non lexislará ao respeito no conxunto do territorio-- sinalou que o burkini reflicte unha "visión profundamente arcaica do lugar da muller na sociedade" ao tentar "disimular" o seu corpo para "controlala mellor". “O burkini non é apenas unha nova liñaa de traxes de baño, é a versión de praia do burka e ten a mesma lóxica: esconder o corpo das mulleres para controlalas mellor”. Así as cousas, Laurence Rossignol, instou a non mesturar terrorismo e prendas de vestir. "Confundir unha cousa con outra nunca é moi útil", apuntou. Ora ben, comparou as mulleres que defenden o seu uso cos "negros que defenden a escravitude". 

Restrinxir liberdades e exclusión 

Desde o Colectivo contra a Islamofobia o seu portavoz Marwan Muhammad sinalou que a prohibición restrinxe liberdades individuais e discrimina as mulleres musulmás. "Este verán estamos a ser testemuñas dunha islamofobia política histérica que pon uns cidadáns contra outros". 
Pola súa banda, a Liga dos dereitos humanos preguntouse "para cando unha milicia da moral como na terra dos mulás?" após "noso alcalde ten o catálogo de roupas permitidas nas praias de Cannes?". A Liga asegura que medidas coma estas que teñen "actitudes escluíntes e represivas" son a razón de que "algúns dos nosos compatriotas se sintan excluídos da cidade". 

Comentarios