Franco sae do Val dos Caídos

O proceso de exhumación do ditador español farase sen imaxes nin cámaras no interior da basílica e na presenza da familia e da ministra de Xustiza como notaria maior do Reino de España.

franquismo franco bandeira val dos caidos

O proceso de exhumación dos restos de Francisco Franco comezará ás 10:30 horas desta quinta feira, terá unha duración aproximada de entre unha e tres horas e farase nun helicóptero do exército do aire. Haberá 22 familiares do ditador presentes no acto e varios deles serán quen levarán o cadaleito sobre os seus ombreiros -sen bandeiras nin honores- da Basílica até o helicóptero. Os restos rematarán no panteón de Mingorrubio onde serán soterrados após unha cerimonia cooficiada -a petición da familia- polo fillo do golpista Antonio Tejero, que é sacerdote.

A Moncloa deseñou un dispositivo con outro helicóptero de reserva e a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, actuará durante todo o proceso como notaria maior. As cámaras non terán acceso nin ao interior do Val dos Caídos nin á basílica do Pardo, mais si haberá imaxes da saída do cadaleito e o traslado en helicóptero.

Segundo o Goberno español, e malia que non se pode calcular con precisión o custo de trasladar os restos do ditador español, o custo do operativo ascende a un máximo de 63.000 euros. É un cálculo aproximado porque hai custos que se determinarán en función da execución material.

Varias organizacións de extrema dereita convocaron diversas concentracións e mobilizacións en protesto pola exhumación do cadáver do ditador.

Comentarios