Francia xulga o caso dunha muller vítima do axente laranxa na Guerra do Vietnam

14 multinacionais, entre estas Monsanto, foron demandadas por Tran To Nga, unha activista e xornalista vietnamita que fixo parte das forzas de liberación no conflito bélico contra os Estados Unidos.
Tran_To_Nga
photo_camera A xornalista vietnamita Tran To Nga contou as súas experiencias na autobiografía 'Ma terre empoisonnée' (Foto: @Ngaagentorange / Facebook)

O Alto Tribunal de Evry, ao sur de París, iniciou onte o xuízo nun caso contra 14 multinacionais que foron acusadas por unha muller de orixe vietnamita e nacionalidade francesa de lle causaren a ela e a outras persoas graves danos, en relación ao uso do axente laranxa polo Exército dos Estados Unidos durante a Guerra do Vietnam (1955-1975).

O axente laranxa foi o nome dado á mestura de herbicidas usada polos militares estadounidenses nese conflito bélico entre xaneiro de 1965 e abril de 1970 como defoliante para impedir que as tropas do Vietcong se ocultaran na espesura da selva e facer visíbeis as súas liñas de aprovisionamento. A partir de 1971, os EUA deixaron de usalo, e abandonaron o país en 1975 tras ser derrotados polo Vietcong.

A demandante, Tran To Nga, naceu en 1942 na entón Indochina francesa, o territorio colonial que abarcaba entre outros países o actual Vietnam. Segundo informou AFP, en 2014 presentou unha demanda contra as 14 compañías que fabricaron ou venderon o químico altamente tóxico, incluída Monsanto, adquirida pol xigante alemán Bayer en 2018.

Xornalista de profesión, activista e membro da resistencia durante a guerra, obtivo o título universitario en medio da guerra e deseguido entrou nas forzas de liberación. Durante catro meses desprazouse a pé para se unir aos combatentes no sur do país. Foi aquí, e en varias ocasións nos meses seguintes, que resultou envelenada polo axente laranxa.

Co apoio de varias ONG, Tran To Nga presentou a acusou estas multinacionais de ser responsábeis das lesións que lle provocaron a ela, aos fillos dela e a outras persoas, alén do dano causado ao ambiente, segundo informou TV5 Monde, que cualificou o xuízo de "histórico". 

Graves doenzas

"Non é por min que estou a loitar, senón polos meus fillos e polos millóns de vítimas", declarou á axencia de noticias Giai Phong. As consecuencias para a saúde do axente laranxa, que ataca o sistema inmunolóxico, transmítense ás xeracións posteriores, o que constitúe un "exterminio familiar" nas súas palabras.

A filla maior dela, Viêt Haï, nacida en 1968, sufre un defecto cardíaco, a tetraloxía de Fallot; outra faleceu con 17 meses na selva; e dúas máis, nacidas en 1971 e 1974, teñen defectos cardíacos e óseos. A propia Tran To Nga sofre de cancro de mama recorrente e tuberculose, como explica na súa autobiografía, Ma terre empoisonnée ("A miña terra envelenada", en francés).

As multinacionais argumentan que non se lles pode facer responsábeis do uso dado ao produto por parte do Exército dos EUA, en tanto que os avogados da demandante sosteñen que os produtores do químico ocultaron a súa verdadeira toxicidade.

Arredor de catro millóns de persoas estiveron expostas ao axente laranxa no Vietnam, en Laos e en Camboxa, segundo os datos recollidos polas ONG en defensa das vítimas. Ademais, cada ano ─só no Vietnam─ calcúlase que arredor de 6.000 crianzas nacen con defectos conxénitos. 

Comentarios