Francia súmase ás mobilizacións do 14 de novembro

Cinco sindicatos franceses veñen de convocar para o 14 de novembro unha vaga de mobilizacións e protestas con que amosar a súa solidariedade cos países europeos que nese día realzian unha folga xeral
Francia
photo_camera Francia

Francia tamén terá o 14 de novembro unha cita coa protesta contra as políticas de recortes e 'austeridade', no marco da convocatoria feita pola Confederación Europea de Sindicatos e que implicará folgas xerais no Estado español e Portugal. Cinco sindicatos franceses (entre eles os maioritarios CGT e CFDT) veñen de convocar para esa data mobilizacións e protestas con que, apuntan, mostrar a súa solidariedade c@s traballador@s da periferia europea e as súas cidadanías.

Nunha declaración conxunta destas cinco centrais, apuntan que  exixirán un "contrato social" que inclúa estándares comúns, como o desenvolvemento dun salario mínimo equiparábel en cada país. @s manifestantes tamén pedirán unha maior coordinación da política económica e na inclusión sistemática dos custos sociais en calquera decisión.

Folga xeral

Nese 14 de novembro haberá folga xeral no Estado español e en Portugal, e non se descarta que tamén se sumen Grecia e Italia. Unha fronte dos países periféricos da UE onde as medidas e recortes de Bruxelas e os gobernos están a bater con especial intensidade nas maiorías sociais. Para rexeitar esas políticas, que inciden en maior desigualdade e inxustiza, apuntan nos sindicatos; as centrais, entre elas a CIG, chaman a unha folga xeral que teña unha ampla participación da cidadanía.

Comentarios