Francia, Reino Unido e os EUA avanzan cara á igualdade de dereitos d@s homosexuais

Reino Unido vén de aprobar o recoñecemento á igualdade de dereitos en materia civil para os matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Porén, aínda hoxe o 40% dos Estados membros da ONU criminalizan estas relacións.
Imaxe de Gerard Julien (AFP)
photo_camera Imaxe de Gerard Julien (AFP)

Francia, Reino Unido e os EUA camiñan cara á normalización dos matrimonios homosexuais. Malia a oposición de importantes sectores da ultra dereireita católica, cada vez máis países no mundo están a mudar as súas lexislacións en aras deste dereito colectivo. No entanto, unha boa parte dos Estados membros das Nacións Unidas continúan a criminalizar as relacións entre persoas do mesmo sexo chegando mesmo a penaren coa morte a homosexualidade.

  • David Cameron e o debate conservador no Reino Unido

O primeiro ministro británico David Cameron vén de ver aprobado o seu plan para a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo e podería entrar en vigor o vindeiro ano, após o seu debate na Cámara dos Lores. No entanto, máis de cen representantes da formación conservadora --á que pertence Cameron-- opuxéronse á súa aprobación calificando a proposta do primeiro ministro de "orweliana". A homosexualidade estivo penada en Inglaterra até 1967 porén, a lei de despenalización aprobada estabelecía fortes discriminacións a respecto da heterosexualidade fixando a maioría de idade para o mantemento de relacións sexuais entre persoas do mesmo sexo nos 21 anos --cando no caso contrario era aos 16. Tamén así, prohibía mostras de afecto en público o que facía perdurar a persecución.

Reino Unido podería legalizar os matrimonios homosexuais en 2014 após a súa aprobación na Cámara de representantes

O debate continuou durante finais do século XX e comezos do actual até se aprobar en 2004 a unión civil entre homosexuais. No entanto, o matrimonio continuaba prohibido. O primeiro ministro británico, David Cameron, contou co apoio dos laboristas para sacar adiante o seu proxecto lexislativo no que considerou "un importante paso cara á diante na loita pola igualdade". Porén, a proposta presentada polo consevador exime de oficiar bodas gays á igrexa anglicana, unha das maiores opositoras, ao mesmo tempo que fixa disposicións concretas encamiñadas a evitar que ningún sacerdote "se vexa obrigado a casar" dúas persoas do mesmo sexo.

  • A ultradereita católica francesa rexeita a proposta de François Hollande

Era unha das promesas electorais do socialista. Porén, o presidente francés atopouse cun forte rexeitamento social aos matrimonios homosexuais. Ao igual que acontecera no Estado español en 2005 numerosos colectivos da dereita católica francesa saíron á rúa para se manifestaren en contra do proxecto de lei presentado pol@s socialistas en outubro do pasado ano.

As manifestacións convocadas por colectivos da ultradereita católica fixeron recuar a François Hollande 

Da mesma maneira que no seu momento o Partido Popular e sectores da ultradereita española se opoñían ao denominaren 'matrimonio', os colectivos de oposición ao matrimonio homosexual en francia aseguraban nos seus comunicados que "en Francia xa existe a unión civil independentemente do sexo" e batían contra o presidente Hollanda afirmando que entre as súas intencións se atopaba "acabar coa familia, co noso modelo social", insistían. Francia recoñece as unións civís entre persoas do mesmo sexo desde 1999.

Neste senso, os últimos inquéritos aseguran que o 65% da sociedade apoiaba a decisión d@s socialistas que no entanto, François Hollande retrocedía nos últimos meses de 2012 incluíndo unha "cláusula de conciencia" no proxecto lexislativo en aras de calmar os ánimos nas rúas. Cuestión que foi obxecto de duras críticas cara a un presidente que se amosou incapaz de sacar adiante boa parte das súas promesas electorais. A intervención imperialista en Mali, adiou o debate.

  • Obama lánzase na loita pola igualdade no seu último mandato

En maio de 2012 o presidente Obama amosaba publicamento o seu apoio á loita pola igualdade de dereitos entre os homosexuais e mesmo aseguraba que o matrimonio "deberia ser legal" nos EUA. A realidade federal estadounidense deixa un mapa desigual en canto ao recoñecemento do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Desta maneira mentres Estados como Nova Iorque ou Massachusetts --de maioría demócrata-- recoñecen os unións civís entre homosexuais, a maior parte dos Estados prohíbeno xunto con calquera outra forma de unión entre persoas do mesmo sexo, como acontece en Texas, Oklahoma e Kansas.

O debate nos EUA depende da decisión que adopte a Corte Suprema sobre o Estado de California 

As verbas de Obama sentaban un precedente ao se tratar da primeira vez na historia dos EUA en que o presidente se posicionaba de maneira pública e notoria en favor da igualdade de dereitos. "É importante dar un paso á fronte" afirmaba Obama. Porén, a estrutura federal estadounidense outorga aos Estados a competencia nesta materia e a administracion federal só podería intervir após a decisión que o Tribunal Supremo adopte a respecto da unión entre persoas do mesmo sexo en California e a constitucionalidade da lei federal matrimonial. Mais iso non chegará até o mes de marzo.

Comentarios