O presidente francés, Emmanuel Macron, ordenou reforzar a presenza militar de Francia no Mediterráneo ante a escalada de tensión na zona polas prospeccións petroleiras realizadas por Turquía nunha zona que Grecia reivindica como propia.
"Decidín reforzar temporalmente a presenza militar francesa no Mediterráneo oriental durante os próximos días, en cooperación cos socios europeos, incluída Grecia", anunciou Macron nas últimas horas a través da rede social Twitter.
O inquilino do Elíseo indicou que "a situación no Mediterráneo oriental é preocupante". "As decisións unilaterais de Turquía en materia de exploración petroleira provocaron tensións", apuntou, apelando ao diálogo entre "países veciños e aliados da OTAN". Neste sentido, valorou positivamente a iniciativa de mediación que o Goberno alemán puxo en marcha.
O primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, agradeceu ao mandatario galo a súa "solidariedade". "Macron é un verdadeiro amigo de Grecia, así como un fervente defensor dos valores europeos e do Dereito Internacional", reaccionou cunha entrada na mesma rede social.
Macron e Mitsotakis mantiveron unha conversa telefónica antes de se producir o anuncio.
Na segunda feira, as autoridades de Turquía volveron despregar o buque de prospección Oruc Reis no Mediterráneo oriental para a realización de actividades de exploración nunha área que Grecia considera como unha Zona Económica Exclusiva (ZEE) propia.
As renovadas tensións entre Ankara e Atenas serán un dos temas a tratar no encontro extraordinario que manterán hoxe os ministros de Exteriores da UE por videoconferencia, tal e como solicitara Mitsotakis ao responsábel da diplomacia comunitaria, Josep Borrell.
Tamén hoxe, o chanceler do país heleno, Nikos Dendias, reúnese en Viena co seu homólogo dos EUA, Mike Pompeo, con quen agarda tratar "a escalada das violacións turcas".
Acordos bilaterais varios
O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, anunciou a reanudación das actividades na zona un día despois de Grecia e Exipto asinaren un acordo para delimitar as súas ZEE. O Goberno turco considérao un incumprimento por parte de Atenas das promesas realizadas no marco do aumento da tensión entre ambos os países.
Anteriormente, Turquía e o Goberno de Acordo Nacional (GNA, o órgano executivo de transición auspiciado en Libia pola ONU) asinaran un acordo similar.