"Intensificaremos os ataques a Siria e Irak", anuncia Hollande

Ningún grupo terrorista reivindicou até agora a autoría do masacre de Niza

Un camión bateu contra a multitude que celebraba a festa nacional francesa no paseo marítimo da cidade ocitana. O condutor foi abatido pola Policía. As autoridades francesas xa divulgaron o seu nome: Mohamed Lahouaiej Bouhlel, 31 anos, nado en Túnez. Era camioneiro e tiña antecedentes por delincuencia común. O atentado continúa sen ser reivindicado por ningún grupo terrorista.

niza
photo_camera O camión empregado para matar máis de oitenta persoas

Ducias de persoas, 84 segundo o balanzo provisional do goberno francés, morreron esta noite en Niza ao se dirixir un camión contra a multitude que festexaba o 14 de xullo, a festa nacional, gala no paseo marítimo desta cidade de Ocitania. O número de feridos sitúase nos 202, 52 deles con perigo para a súa vida O Executivo francés, así como as forzas de seguridade e chancelerías europeas, asumiron desde un primeiro momento que estabamos diante dun atentado. “Non se pode negar o carácter terrorista do ataque”, manifestou o presidente Hollande nunha comparecencia de madrugada. O conductor do camión foi abatido pola policía e na cabina do vehículo atopouse documentación dun cidadán francés de 31 anos de idade. Fontes policiais tamén indican que se atoparon diversas armas.

Ningún grupo terrorista reivindicou até agora a autoría do masacre, embora The Guardian publicou que á altura de setembro de 2014 un portavoz do Daesh chamou á populación musulmá a atentar en solo occidental utilizando todo tipo de armas, entre elas o atropelo con vehículos.

A non reivindicación do atentado fai supor ás autoridades francesas que podemos estar perante a acción dun lobo solitario inspirado polo Exército Islámico ou por Al Qaeda.

O xornal Nice Matin afirma que o autor é Mohamed Lahouaiej Bouhlel vivía en Niza e tiña orixe tunecina. Pai de tres crianzas tiña varias denuncias da súa compañeira por violencia machista.

Bombardeos

Este brutal suceso na cidade que veu nacer Giuseppe Garibaldi e que non pasou intregrar Francia até 1860, chega apenas horas despois de que o propio Hollande anunciase a fin do estado de emerxencia que vivía Francia desde os atentados de París, nos que foron asasinadas 130 persoas. “Non se pode estar permanentemente en estado de excepción”, dixo o presidente galo. O atentado de Niza vai levar, anunciaron desde o Elíseo, a que se prorrogue este estado, que tiña despregados a máis de 10.000 militares e recortados certos dereitos así como outorgar poderes especiais ás forzas de seguridade. Hollande tamén anunciou que ían “redobrar” os bombardeos en Siria e Iraque contra “bases do Daesh.

O camión que embestiu contra a multitude avanzou uns dous quilómetros polo coñecido como Paseo dos Ingleses a unha velocidade de 90 quilómetros por hora, segundo a policía. E en zigui-zague para causar o maior número de vítimas, engaden. Vivíronse escenas dantescas, con “corpos voando coma bolos ao ser levados por diante polo camión”, segundo relatan testemuñas a medios franceses. Tamén momentos de terror entre as miles de persoas que estaban na zona.

Gabinete de crise

Esta sexta feira Hollande reúne un gabinete de crise para tratar a situación e adoptar medidas. Nas últimas horas recibironse mostras de condolencia e apoio de numerosos países e organismos internacionais. Tamén na Galiza, desde organizacións políticas, institucións e colectivos diversos expresaron nas redes sociais o seu rexeitamento ao ataque e solidariedade para coas vítimas e familias. O primeiro ministro, Manuel Valls, declarou tres días de loito nacional e advertiu que os franceses van ter que afacerse "a vivir co terrorismo".

Francia súmase así á triste listaxe de países que durante este mes de xullo sofreron brutais atentados terroristas atruibuídos ao islamismo: Iraque, Siria, Afganistán, Libia, Iemen, Nixeria, Paquistán, Arabia Saudí ou Somalia.

En actualización

Comentarios