sábado 04.07.2020

Francia prohibe o uso da cloroquina para a COVID-19

O Goberno francés derrogou nesta cuarta feira, 27 de maio, o decreto que autorizaba o tratamento con este fármaco usado contra malaria. Por outra banda, o presidente do Salvador, Nayib Bukele, uniuse a Trump e Bolsonaro na súa defensa.
O uso da hidroxicloroquina pode provocar problemas cardíacos (Óscar J.Barroso / Europa Press)
O uso da hidroxicloroquina pode provocar problemas cardíacos (Óscar J.Barroso / Europa Press)

O Goberno francés derrogou nesta cuarta feira o decreto que autorizaba o uso da hidroxicloroquina para tratar pacientes infectados co novo coronavirus, despois da publicación dun estudo que avisa dos posíbeis efectos adversos deste fármaco, derivado dun medicamento contra a malaria.

Segundo o estudo, publicado pola revista científica The Lancet e elaborado tras analizar 96.000 persoas, este tratamento utilizado até agora contra o paludismo está relacionado cun maior risco de morte e enfermidades cardíacas, polo que o seu uso para trata a COVID-19 non é aconsellado.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou a comezos desta semana a suspensión dos ensaios clínicos e, en Francia, o Goberno decidiu facerse eco das dúbidas que xa expresaran o Consello Superior de Saúde Pública e a Axencia do Medicamento. Desta forma, o Executivo galo publicou no boletín oficial a anulación do decreto que autorizaba desde finais de marzo o tratamento.

Francia rexistrou até o momento máis de 28.500 mortes por COVID-19, a enfermidade derivada do novo coronavirus. O número total de casos supera en territorio galo os 180.000, xa co levantamento parcial das restricións adoptadas para facer fronte á pandemia.

"Risco moi baixo"

A respecto do uso da hidroxicloroquina ou o seu análogo, a cloroquina, o presidente do Salvador, Nayib Bukele, revelou que el o toma fronte a un posíbel contaxio, xa que o risco de efectos adversos é "moi baixo".

Bukele aclarou que o país xa non inclúe este fármaco dentro do "protocolo" para o tratamento da COVID-19, polo que só se autorizaría de forma preventiva, con prescrición médica e se o paciente está informado.

"Eu tómoo como profilaxe, tómao o presidente [dos Estados Unidos, Donald] Trump. A maioría de líderes do mundo tómao como profilaxe", afirmou durante unha comparecencia onde exhibiu pastillas sacadas do peto.

"Non entendo por que ás veces se recomenda algo distinto ao pobo do que se recomenda aos líderes", engadiu, malia que noutras ocasións advertira dos riscos da cloroquina. Ademais, dixo que o Goberno gastara 575.000 dólares en adquirila.

Tamén o presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, está entre os defensores da cloroquina. A semana pasada aprobou o seu uso como tratamento da COVID-19.

comentarios