Francia mantén o pulso á reforma laboral

As organizacións sindicais convocan novas mobilizacións coincidindo co 1º de Maio e co inicio do debate parlamentar sobre a nova lei mentres procuran alianzas co movemento Nuit Debout. 

Nuit Debout
photo_camera [Imaxe Nuit Debout]

Após unha xornada de mobilizacións o 28 de abril na que milleiros de persoas --entre 170 mil e 500 mil, segundo Le Monde-- saíron de novo ás rúas en diversas cidades do país e desenvolveron paros nos centros de traballo, para amosar o seu rexeitamento á reforma laboral francesa, as organizacións sindicais chaman a se manifestar outra volta este domingo coincidindo co Día da clase traballadora, o 1º de Maio. 

Algunhas organizacións sindicais procuran converxer as loitas operarias coa Nuit Debout

Embora as cifras reflicten un número menor de persoas nas mobilizacións logo de que o 31 de marzo saísen ás rúas de París 160 mil persoas, segundo a organización, o pulso mantense e collerá folgos a partir do 3 de maio cando está previsto o inicio do debate parlamentar arredor da reforma. 

As mobilizacións son convocadas por organizacións obreiras e estudantís. En troca, "oficialmente" o movemento de persoas indignadas francés, Nuit Debout, non marcha xunto a elas. 

Neste senso, algunhas organizacións sindicais procuran agora facer converxer a loita obreira co movemento Nuit Debout que mantén desde hai un mes asembleas na Place de la République. Así as cousas, hai reticencias, segundo recolle na súa crónica Le Monde. 

"O noso límite é a nosa capacidade para nos dividir esquecendo o que ten sentido para todos nós", dixo Eric Beynel, voceiro do sindicato Solidaires durante a asemblea xeral da Nuit Debout, ao tempo que lanzaba un chamamento a secundar as mobilizacións do 1º de Maio. 

Da mesma maneira desde a CGT apelan á suma de forzas co obxectivo de facer "realidade" unha folga xeral que vise ser indefinida até non ser retirada a proposta gobernamental de reformar a actual lei do traballo. 

Non así a organización Forza Obreira (FO) que dixo non ter sido convidada a participar na asemblea. 

Comentarios