Francia golpea a socialdemocracia nas municipais do avanzo da extrema dereita

Revés histórico para a socialdemocracia de Hollande nas municipais francesas e forte entrada da extrema dereita de Le Pen nos concellos. Son, xunto á alta abstención, as dúas claves dunhas eleccións que rexistran unha viraxe á dereita nos concellos franceses. 

Hollande
photo_camera Hollande

A socialdemocracia de Hollande conserva o goberno de París que por vez primeira será rexido por unha muller, Anne Hidalgo, mais é o pouco consolo que lle queda ao Partido Socialista nunha noite na que a derrota foi abrumadora. Segundo os primeiros resultados, a socialdemocracia tería perdido por volta de 155 cidades nas que gobernaban até agora nun xiro histórico á dereita que aínda se agrava coa forte entrada da extrema dereita de Marine Le Pen que acadaría o 8% dos votos e gobernaría, por vez primeira quince concellos e conseguiría 1.200 edís. 

As eleccións, marcadas tamén pola forte abstención do 38%, supoñen un golpe forte para o goberno de Hollande, ao que xa se lle piden responsabilidades e do que se agarda unha remodelación inmediata.

O castigo a Hollande é produto da asunción práctica por parte do goberno do PS das políticas neoliberais promovidas polo eixo Berlín-Bruxelas.

A dereita do Unión por un Movemento Popular faríase co 45% dos sufraxios fronte ao 40,5 do Partido Socialista e o 8% da extrema dereita no que xa se definiu como un “castigo” sen precedentes ao goberno de François Hollande. A dereita teríalle arrebatado cidades até agora rexidas polo partido do goberno como Amiens, Saint-Étienne, Limoges, Toulouse, La Roche-sur-Yon, ou Reims. Un dos casos singulares en relación co cómputo xeral é o cambio á socialdemocracia do goberno de Aviñón. 

O ultradereitista Frente Popular -que na campaña procurou ocultar o seu discurso xenófobo, e que parte como favorito para as europeas de maio- fíxose con alcaldías como Cogolin, Fréjus, Hayange ou de Villers-Cotterêts.

Comentarios