Francia frea a ultradereita nunha segunda volta con triunfo da esquerda

A Nova Fronte Popular gaña as lexislativas, segundo as sondaxes a pé de urna, mentres a Agrupación Nacional de Le Pen fica relegada ao terceiro posto.
Seguidores da Nova Fronte Popular celebrando o triunfo en París. (Foto: La France Insoumise)
photo_camera Seguidores da Nova Fronte Popular celebrando o triunfo en París. (Foto: La France Insoumise)

A vitoria por primeira vez na historia dunha forza de extrema dereita na primeira volta das eleccións lexislativas fixo saltar todas as alarmas en Francia. Na propia noite dos comicios, a Nova Fronte Popular, a coalición ampla de esquerdas que agrupa socialistas, comunistas e ecoloxistas, chamaba a concentrar o voto na segunda volta deste domingo nas formacións que disputasen o escano á Agrupación Nacional de Marine Le Pen e prometía retirar as súas candidaturas alá onde esta puidese vencer.

Unha proposta á que se sumaron diferentes voces do outro costado do espectro político como a de Édouard Philippe, primeiro ministro con Emmanuel Macron entre 2017 e 2020, quen afirmou que apoiaría na súa circunscrición un candidato comunista para impedir que sumase unha acta máis a ultradereita. "Prefiro un funcionario electo que coñezo, con quen traballo en interese de Le Havre [concello do que é alcalde Philippe], mesmo con diferenzas, e que me parece que responde as exixencias democráticas que comparto, antes que a Agrupación Nacional", sinalou.

E a boa comuñón entre centristas, dereita moderada e esquerda semella que chegou ás conciencias de millóns de cidadáns e cidadás que este domingo deron as costas á extrema dereita, tal e como reflicten as enquisas 'a pé de urna'. Segundo a sonfdaxe publicada polas televisións TF1 e LCI, a Nova Fronte Popular vence obtendo entre 180 e 215 escanos, unhas 70 máis que as que proxectara a primeira volta desta cita coas urnas.

E outra das grandes sorpresas da noite é o resultado de Xuntos, a candidatura que apoia Macron, que supera os rexistros que indicaban as últimas enquisas e ascende á segunda posición, cun abano que vai dos 150 aos 180 deputados e deputadas na Asemblea Nacional.

Pola contra, a ultradereitista Agrupación Nacional, a gran triunfadora da primeira volta, sofre as consecuencias do 'cordón sanitario' aplicado por boa parte do electorado, maioritariamente centrista e esquerdista, respondendo a esa chamada mutua de 'frontistas' e 'macronistas' a apoiárense os uns aos outros, en función do panorama de cada circunscrición, para impedir que gañasen os de Le Pen. Finalmente quedarían con entre 120 e 150 representantes.

A cuarta posición sería para Os Republicanos que non seguiron o seu líder, Éric Ciotti, e declinaron o convite autoproclamado por el mesmo de unir forzas coa ultradereita, con entre 60 e 65 escanos. Outras forzas de esquerda sumarían 10 actas, e o resto de forzas políticas, entre 5 e 6.

Estes resultados aproxímanse aos que proxectan outras sondaxes como a de Ipsos para France 24, que dá entre 172 e 192 escanos á Nova Fronte Popular, de 150 a 170 a Xuntos, de 132 a 152 á Agrupación Nacional, de 57 a 67 aos Republicanos, de 13 a 16 para diversas forzas esquerdistas non agrupadas na gran coalición, de 6 a 8 para outras forzas de centro e entre 8 e 11 para o resto de actores políticos.

Comentarios