Francia detén seis ex Brigadas Vermellas

Aplicación intermitente da "doutrina Mitterrand" por parte do Elíseo.
aldo_moro
photo_camera O corpo do ex primeiro ministro italiano e líder da Democracia Cristiá, Aldo Moro, secuestrado polas Brigate Rosse en 1978 (Foto: Nós Diario)

O ministro de Exteriores italiano, Luigi di Maio, adiantaba en Facebook onte pola mañá "a detención de sete [sic] ex membros das Brigadas Vermellas italianas". Posteriormente, o primeiro ministro, Mario Draghi, expresaba a "satisfacción" pola decisión de Francia "de iniciar os procedementos xudiciais [...] contra os responsábeis de gravísimos crimes de terrorismo, que deixaron unha ferida aínda aberta", recollía a axencia italiana ANSA.

"O presidente Emmanuel Macron quería resolver este problema, tal e como pediu Italia durante anos. Francia, tamén golpeada polo terrorismo, comprende a absoluta necesidade de xustiza das vítimas", sinalaba pola súa banda o Elíseo nun comunicado.

Eran as reaccións institucionais á detención de varios ex membros de organizacións de extrema esquerda, condenados en Italia por crimes cometidos nas décadas de 1970 e 1980. Outros tres militantes están en busca e captura.

Entre os detidos ─informou France 24─ está Giorgio Pietrostefani, cofundador da organización política obreirista Lotta Continua e sentenciado a 22 anos de cárcere pola morte en 1972 do xefe de policía Luigi Calabresi.

As outras seis persoas apresadas formaban parte do grupo armado Brigate Rosse ("Brigadas Vermellas"). A súa extradición a Italia depende agora da xustiza gala. 

Entre estas está Marina Petrella, de 66 anos, condenada pola morte en 1980 do xeneral Enrico Galvaligi e dous escoltas. En 2008 xa estivo a piques de ser transferida a Roma, mais o daquela presidente galo, Nicolas Sarkozy, paralizou o proceso por motivos de saúde.

Para Irène Terrel, avogada de cinco dos sete detidos, trátase dunha "traizón atroz por parte de Francia", recolleu AFP. "Esta xente leva vivindo baixo protección francesa desde a década de 1980, comezaron unha nova vida aquí, coñecida por todo o mundo, con seus fillos e netos", afirmou.

"Doutrina Mitterrand"

Na actualidade hai arredor de 200 cidadáns italianos reclamados por Roma e refuxiados en Francia. Na década de 1980 cruzaron os Alpes para se acoller á "doutrina Mitterrand", a política impulsada polo presidente francés entre 1981 e 1995, o socialista François Mitterrand.

Este ofreceu asilo aos militantes de extrema esquerda a condición da súa renuncia á violencia, situación que causou importantes tensións entre Roma e París durante décadas. Macron sostén que a "doutrina Mitterrand" continúa vixente, mais o certo é que na práctica ─con contadas excepcións como a de Petrella en 2008─ foi abandonada en 2002.

Nese ano o presidente, Jacques Chirac, accedeu a extraditar a Paolo Persichetti, membro da Unione dei Comunisti Combattenti (BR-UCC), unha escisión das Brigadas Vermellas orixinais. 

Anni di piombo

Ideoloxicamente próximas á Rote Armee Fraktion (RAF) alemá, as Brigate Rosse naceron en 1970 ao ronsel da efervescencia política do Maio do 68. Até comezos da década de 1980, a actividade armada de grupos de extrema esquerda e extrema dereita foi especialmente intensa en Italia. As Brigadas Vermellas era o máis senlleiro. Foron os Anni di piombo ("Anos de chumbo"), que deixaron perto de 400 mortes.  

En 1978 o líder da Democracia Cristiá, Aldo Moro, chegou a un acordo de Goberno co Partido Comunista, algo que inquedaba especialmente en Washington polo acceso á información da OTAN. Pouco despois Moro foi secuestrado e executado polas Brigadas Vermellas. A día de hoxe, aínda se especula en Italia coa participación dos servizos secretos. 

Comentarios