Francia debátese entre o conservador Macron e a ultradereita de Le Pen

Macron e Le Pen encabezan as enquisas para loitar pola Presidencia francesa nunha case segura segunda volta electoral, que se desenvolvería o 24 de abril. Antes, o día 10, 12 candidatos optan a dar a sorpresa, co esquerdista Mélenchon situado en mellor posición que os cinco outros aspirantes a desbancar a dereita.
EuropaPress_4128944_05_december_2021_france_villepinte_eric_zemmour_extreme_right_wing
photo_camera Zemmour, o outro candidato da extrema dereita, que pelexa polos votos de Le Pen, nun discurso en decembro de cara ás presidenciais (Foto: Julien De Rosa / AFP)

A campaña electoral arrincou a pasada segunda feira oficialmente en Francia, co presidente saínte Emmanuel Macron como claro favorito nas sondaxes. Até agora, a campaña quedara relegada a un segundo plano político-mediático pola guerra en Ucraína e pola negativa de Macron a debater co resto de candidatos antes da primeira volta dos comicios, que terá lugar o próximo 10 de abril.

Co inicio oficial da campaña electoral, os 12 candidatos ao Palacio do Elíseo débense someter a novas regras electorais. Durante a primeira fase da campaña, entre xaneiro até o pasado domingo, os medios franceses debían respectar "o principio de equidade" de tempo de palabra e de antena, en función do peso político dos candidatos.

Coa campaña electoral oficial en marcha reina xa "o principio de igualdade", polo que os medios deberán outorgar o mesmo tempo de palabra e de antena a todos os candidatos e os seus portavoces. Entre a primeira e a segunda volta ─que terá lugar o 24 de abril se ningún candidato obtén a maioría dos votos na primeira volta─ tamén rexe o principio de igualdade entre os dous candidatos que loitarán polas chaves do Elíseo. 

12 candidatos

A guerra en Ucraína, os efectos económicos que deixou a pandemia da Covid-19 e a crise social son os principais temas que marcan estes comicios, coa dereita e a ultradereita como favoritas mentres a esquerda estala en fraccións, onde ningún dos seus candidatos presidenciais logra imporse até agora entre o electorado, segundo as enquisas.

Un total de 12 persoas aspiran á Presidencia: oito homes e catro mulleres. Entre eles destácanse o actual presidente, Emmanuel Macron, a líder da ultradereita Marine Le Pen, a conservadora Valérie Pécresse, o ultradereitista Éric Zemmour, o líder esquerdista Jean-Luc Mélenchon, a socialista e alcaldesa de París, Anne Hidalgo, e o ecoloxista Yannick Jadot.

Segundo a sondaxe publicada por Le Monde o pasado domingo, Macron obtería 28% dos votos, Le Pen 17,5%, Mélenchon 14%, Zemmour 11,5%, Pécresse, 10% e Jadot 7%. Ademais, o comunista Fabien Roussel, 3,5%, e Hidalgo, tan só 2%.

"Voto útil" na esquerda

Hidalgo considera que se está a ver prexudicada polos chamamentos ao "voto útil" que, neste caso, irían parar a Mélenchon, líder de Francia Insumisa. A alcaldesa de París, filla de españois de San Fernando (Cádiz), considera que ela é quen mellor defende as ideas da "esquerda europea e republicana". 

Nunha recente entrevista na cadea de televisión BFMTV, criticou o programa de Mélechon porque "quere saír de Europa e saír da OTAN". Porén, a ex candidata socialista Ségolène Royal considera que o útil sería votar o 10 de abril por Mélenchon na primeira volta, ante as malas expectativas da esquerda, dividida con seis candidatos.

O ex presidente socialista François Hollande defendeu o discurso de Hidalgo. "Non sería útil ter un presidente que sairía da Alianza Atlántica, non sería útil ter un presidente que poría a ambos os dous lados da mesa a Rusia e os países democráticos", dixo a semana pasada. "Chega un momento en que hai que ter un presidente útil, non simplemente un voto útil", advertiu.

Mélenchon, de 70 anos, provén da ala máis esquerdista do Partido Socialista e foi ministro de Lionel Jospin. Fundou en 2016 A Francia Insumisa (o equivalente de Podemos). Entre as ideas que defende destacan pór fin á V República e redactar unha nova Constitución para restar poder ao presidente ante o Parlamento, instaurar o referendo de iniciativa cidadá, saír da OTAN, renegociar ou abandonar os tratados europeos e estabelecer a xubilación aos 60 anos. 

Comentarios