EUROPA

O socialista Hollande gaña as presidencias francesas

Sarkozy recoñeceu a derrota e lamentou "non ser entendido"
Hollande
photo_camera Hollande

Francia votou sendo consciente de que Europa ollaba con gran atención para ela, como se do sufraxio que depositasen en urna os franceses e francesas dependese o futuro do continente, parte do cal vía os comicios como unha especie de referendo sobre as políticas de austeridade e recortes como único camiño para saír da crise. E Francia deu o seu voto a Hollande e as costas a Merkel. Sen coñecer aínda os resultados defintivos do escrutinio, e coas sondaxes a pé de urna dando o 52% dos votos a Hollande e o 48% a Sarkozy, este chamou ao socialista para o felicitar pola vitoria. O aínda presidente lamentou non ter sido entendido polos franceses e francesas e defendeu que a súa política foi acaída debido aos momentos que atravesan.

Segundo fontes do círculo de Hollande, este xa tería chamado a Merkel. O socialista, nas súas primeiras declaracións fixo un alegato da defensa do estado de benestar como o principal obxectivo a alcanzar no seu mandato. Falta agora por ver se o prometido por Hollande na campaña, onde mesmo chegou  a demandar unha reformulación do Banco Central Europeo para que estivese ao servizo da cidadanía e non dos mercados, o mantén como inquilino do Elíseo.

Todas as interpretacións apuntan a que a vitoria de Hollande é un rexeitamento claro da cidadanía a que a saída da crise pase simplemente por receitas de austeridade extrema e sen ningunha outra actuación ou proxecto de reactivación económica. O socialista é consciente de que a súa vitoria pode abrir unha nova etapa en Europa, mais no seu discurso de onte marcouse como obxectivo "loitar contra o déficit". Iso si, aclarou, "iso non pode converterse nunha fatalidade".

Comentarios