Francia comeza a trasladar doentes afectados pola Covid-19 a Alemaña

O Goberno galo decidiu actuar en previsión de que a situación empeore nos próximos dez días, cando se dea "un punto de saturación" nos servizos de reanimación.
EuropaPress_3409986_01_november_2020_france_nice_an_elderly_visits_his_relatives_at_the_castle
photo_camera Un home visita os familiares del no cemiterio do Château, en Niza, no pasado Día de Todos os Santos (Louai Barakat / Imageslive)

A segunda vaga da epidemia continúa a crecer e "a presión é extremadamente forte nalgúns territorios" de Francia, en particular na rexión sueste de Auvernia-Ródano-Alpes e na de Hauts-de-France, no norte, dixo o presidente da Federación de Hospitais Franceses (FHF), Fréderic Valletoux, nunha videoconferencia de prensa.

O Goberno francés ─informou a FHF─ prevé trasladar nos próximos días pacientes doentes de coronavirus a Alemaña ante a saturación que afrontan algúns hospitais polo avance sen control da segunda vaga da Covid.

"Os traslados cara a outras rexións, mesmo cara a outros países, van permitir que esta presión diminúa e serán, por veces, indispensábeis", explicou Valletoux, citado polo diario Ouest-France. No caso de Hauts-de-France, moi golpeada polos novos surtos do virus, tense previsto transportar pacientes cara a Alemaña e cara a outros territorios menos afectados pola epidemia, como a Bretaña, "nos próximos días", asegurou.

De feito, xa se realizaron algúns traslados de pacientes entre centros desta mesma rexión. Varios dos hospitalizados nos hospitais de Roubaix e Tourcoing foron levados a Picardía. En Hauts-de-France, o número de pacientes ingresados con Covid superou xa o pico rexistrado en abril pasado. O 2 de novembro, a cantidade de camas ocupadas chegou a 2.637, en comparación coas 2.578 de 20 de abril. En concreto, Nord é o departamento con máis hospitalizacións, 516, e máis camas ocupadas nas unidades de coidados intensivo, 82.

Experiencia da primavera

Mentres, noutras zonas, as evacuacións poderíanse dar "dentro dos próximos dez días", cando as autoridades sanitarias agardan que se dea "un punto de saturación" nos servizos de reanimación, apuntou Valletoux. Durante o pico de contaxios da primeira vaga, Francia xa tivo que enviar ducias de pacientes a Alemaña, así como a Austria, a Luxemburgo e a Suíza.

"A semana pasada xa se realizaron unhas 40 transferencias, das que un certo número se fixo antes de que a situación fose demasiado crítica para facer as cousas con anticipación, a partir da experiencia da primeira vaga" afirmou esta semana na emisora de radio RTL o ministro de Sanidade, Olivier Véran. A diferenza da primeira vaga, algúns destes pacientes foron trasladados de forma anticipada, antes de a súa situación tornarse crítica.

Duras restricións

A segunda vaga da epidemia de coronavirus en Europa non será a última, xa que haberá novos episodios "sucesivos durante o final do inverno" e a primavera, segundo advertiu o consello científico que asesora o Goberno francés. Ante esta situación, Francia decretou un novo confinamento, en vigor desde a pasada sexta feira e que se estenderá até polo menos o 1 de decembro, coas maiores restricións de todo o continente ─aínda que máis leves que as da primavera─.

A cidadanía pode saír da casa para realizar certas actividades: comprar produtos esenciais, ir traballar, levar os menores a clase e saír a pasear ou facer deporte unha hora ao día, aínda que sen poderse afastar máis dun quilómetro do domicilio.

Por outra banda, os comercios non esenciais, que inclúen bares e restaurantes, ficaron clausurados como mínimo até acabar o confinamento, de terse reducido abondo os indicadores da pandemia. Permanecen abertas as escolas infantís, os colexios e os institutos, mais as universidades pasaron á modalidade online. 

Comentarios