Francia aproba o aborto libre como "dereito completo"

O Parlamento aprobou a reforma da Lei Veil e suprimiu a condición de "desamparo" para interromper o embarazo. "O aborto é un dereito completo" sinalou a ministra francesa para os Dereitos da Muller, "non unha simple tolerancia con condicións". 

aborto
photo_camera aborto

O goberno francés rexeitou que a medida supoña unha reacción ao anteproxecto de lei presentado polo Goberno español que re-penalizará o aborto, mais o certo é que os tempos puxeron sobre a mesa dúas normativas ben distintas en relación ao aborto. 

Neste senso, mentres Madrid imporá ás mulleres a maternidade a través dunha reforma da lei do aborto que re-penaliza a interrupción do embarazo, a Cámara Francesa deu luz verde á modificación da Lei Veil (1975) coa que recoñece o aborto libre --sen condicións-- durante as primeiras 12 semanas de xestación. 

As francesas poderán abortar durante as 12 primeiras semanas de embarazo sen condicións

Un dereito sen condicións

A partir da entrada en vigor da disposición 5dC as francesas non precisarán apelar á condición de "desamparo" --recollida con anterioridade pola lexislación-- para interromperen a súa gravidez. Unha mudanza que, defendeu a ministra de Dereitos da Muller francesa Najat Vallaud-Belkacem, visa recoñecer o "aborto como un dereito completo e non unha simple tolerancia con condicións". 

Se ben @s profesionais da saúde recoñecen que na práctica non introducirá grandes mudanzas, o certo é que supón un importante reforzo para afortalar o dereito das mulleres a decidiren sobre os seus propios corpos face "calquera ditado de orde moral", indicaron fontes gobernamentais ao diario Le Figaro. 

Integrantes da dereita apoiaron a reforma porque o contrario, din, "sería unha derrota da razón"

A reforma foi aprobada pola maioría d@s parlamentares da Cámara, á que se sumaron vari@s deputad@s da dereita. A Union pour un Mouvement Populaire (UPM) --o partido de Nicolas Sarcozy, votou dividida a modificación lexislativa. Algunhas das súas integrantes apoiaron a medida pois, indicaron, "negar ás mulleres a capacidade de xulgar elas propias, de decidiren, sería un retraso xurídico e unha derrota da razón". 

Aliás, o goberno francés valora endurecer o delito xa tipificado que pune a obstaculización do acceso ao aborto. Actualmente en Francia impedir o acceso a unha clínica onde se realicen abortos está penado até con 2 anos de cadea e 30.000 euros de multa. 

Comentarios