Fraga, na actualidade política 15 anos despois da saída da Xunta

A vicepresidenta Carmen Calvo lembra ao PP que Fraga "púxose de perfil" ante o Estado autonómico que agora exixe. A representante do Goberno de Pedro Sánchez tamén aludiu ao ex presidente galego como un "ministro de Franco" ante as acusacións dos populares polo suposto incumprimento das competencias en materia fiscal.
Fraga, nun acto do PP, en 2006. (Foto: José Oliva / Europa Press)
photo_camera Fraga, nun acto do PP, en 2006. (Foto: José Oliva / Europa Press)

O ex presidente da Xunta e ex ministro con Franco, Manuel Fraga Iribarne, volveu hoxe á actualidade política após 15 anos fóra dese ámbito e cando pronto se fan 11 anos do seu pasamento. Foi a vicepresidenta primeira do Goberno do Estado español, Carmen Calvo, quen falou de Fraga nun cruce de acusacións co PP.

Durante a sesión de control ao Goberno no Senado a popular Ana Camins acusou ao equipo de Pedro Sánchez de “entregar atada de pes e mans” a Comunidade de Madrid “aos inimigos do Estado”.

Desta forma falaba do pacto entre o PSOE con ERC para a harmonización fiscal a cambio do apoio do partido catalán aos orzamentos do Estado para 2021.

Ante esta acusación, Calvo afeou ao PP que agora queira tomar o papel de “defender das competencias das Comunidades Autónomas e, en concreto, de Madrid, cando o fundador do partido, Manuel Fraga, púxose de perfil cando se debateu na Transición o Estado das Autonomías que agora reivindican”.

Calvo non esqueceu recordar que Fraga era “un ministro que se sentaba na ditadura de Franco”. “Vostedes, con Fraga, puxéronse de perfil para entender as autonomías que agora reivindican”, insistiu.

Porén, a vicepresidenta asegurou que a preocupación e ocupación do Partido Popular non é ese debate, senón “estar na bronca continua”.

O "bastión liberal"

“Teñen que explicarlle aos españois por que no peor momento non entenderon nin unha letra da palabra pandemia e crise. Ese é o seu problema e non saben como resolvelo”, remarcou. Pero Camins sostivo que no “Goberno máis radical da democracia” Gabriel Rubián, o voceiro de ERC, “manda moitísimo máis que os 22 ministros”.

En calquera caso, a senadora comentou que “Madrid é un bastión liberal que funciona” e que, ante a “locomotora do país”, non van “permitir saltar a Constitución e invadir as súas competencias”.

Comentarios