As forzas tigriñas agardan a "ofensiva final" anunciada polo Goberno etíope

O primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed emitiu un comunicado despois de se cumprir o prazo que Adís Abeba dera para que o Executivo de Tigray se rendese. 
tigray_nobel
photo_camera Protesta tigriña en Oslo, na entrega do Nobel da Paz 2019 a Abiy (Foto: Daniel Berhane / Twitter)

O primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed, anunciou hoxe mediante un comunicado a "ofensiva final" sobre o territorio de Tigray tras se cumprir o ultimato de 72 horas dado á Fronte Popular de Liberación de Tigray (FPLT, popularmente Weyane, partido no poder neste Estado federado) para se renderen ou afrontaren, en caso contrario, o asalto de Mekelle, a capital tigriña, de arredor de medio millón de habitantes.

Abiy dixo que a "derradeira porta pacífica que ficaba aberta para o FPLT ficou agora firmemente fechada" polo seu "desprezo" ao "pobo de Etiopía". Sostivo, porén, que "miles" de milicianos e membros das forzas especiais do grupo "caeran na conta da natureza destrutiva" do Weyane e optaran por se render "pacificamente".

Tanto desde a ONU, nomeadamente desde Acnur, a axencia de axuda aos refuxiados, como desde grupos de defensa dos dereitos humanos, expresouse a preocupación pola seguridade da poboación civil atrapada no medio dos combates. Calcúlase que miles de persoas perderon a vida desde o comezo do enfrontamento bélico o 4 de novembro, e que máis dun millón precisarán de axuda humanitaria como consecuencia do conflito.

Medios e axencias internacionais sobre o terreo, segundo informaron hoxe, foron incapaces de contactar cos dirixentes do Weyane para recoller o seu parecer debido a que as conexións telefónica e de internet están caídas e o acceso a Tigray continúa fortemente controlado.

Numerosas forzas e arsenal

Segundo unha fonte diplomática citada por Reuters, o Weyane "mobilizou moita xente en Mekelle. Están a cavar trincheiras e todo o mundo ten un AK-47 [un modelo de fusil de asalto]". Estímase que o número de forzas tigriñas estaría en 250.000 soldados, que contarían cun importante arsenal. 

De acordo co xornalista e activista Daniel Berhane, que está en Mekelle, á última hora da tarde de onte aínda non había sinal de ataque ningún e as tendas e as cafeterías estaban "case cheas", segundo recolleu BBC.

No seu último informe sobre a situación, recollido por Europa Press, a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA) alerta de que hai falla de material básico en toda a rexión de Mekelle, en particular combustíbel, necesario entre outras cousas para activar as bombas de auga.

O comunicado de Abiy Ahmed ─publicado na súa conta de Twitter─ finaliza asegurando que, de cara a esta ofensiva final, o Exército "deseñou coidadosamente unha estratexia para levar ante a xustiza a camarilla criminal da FPLT, sen causar danos a civís inocentes, ao patrimonio histórico, aos lugares de culto, ás institucións para o desenvolvemento e ás propiedades privadas".

Comentarios