As Forzas de Defensa de Tigrai toman Mekelle e Etiopía acepta o alto o fogo

Despois do comezo da operación militar do Goberno Federal de Etiopía en novembro contra Tigrai, na que os militares etíopes apoiados por tropas eritreas se fixeron rapidamente co control do territorio, as Forzas de Defensa de Tigrai recuperan a súa capital, Mekelle, e forzan Etiopía a aceptar o alto o fogo até setembro.
Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle. (Foto: OIM Etiopía)
photo_camera Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle. (Foto: OIM Etiopía)

A Fronte Popular para a Liberación de Tigrai (TPLF), renomeada como Forzas de Defensa de Tigrai (TDF) após o comezo da operación armada de Etiopía contra o territorio do norte, comunicou esta terza feira que a capital de Tigrai, Mekelle, está “100%” baixo o seu control.

Desde o serán da segunda feira as tropas de Etiopía comezaron a abandonar a toda présa Mekelle despois dos avances militares na última semana das TDF. Pouco despois, o Exército tigrino comezou a entrar en Mekelle entre as celebracións da poboación local, informa o Addis Standard.

Antes de saír de Mekelle, integrantes do Exército etíope irromperon na oficina de Unicef na cidade e desmantelaron a antena de comunicación coa que contaba a entidade, como denunciou Henrietta Fore, directora executiva da institución. Ademais, o pasado 22 de xuño as Forzas Aéreas etíopes bombardearon un mercado de Togogo, a 20 quilómetros de Mekele, deixando cando menos 64 persoas mortas e case 200 feridas.

Unha vez na cidade, a Axencia de Novas de Etiopía adiantou que Abraham Belai, xefe executivo da Administración Interina de Tigrai, solicitara un alto o fogo ao Goberno de Etiopía, encabezado por Abiy Ahmed, para permitir o desenvolvemento da temporada agraria, o envío de axuda humanitaria e a procura dunha solución política ao conflito 
co Estado.

“A inmensa maioría da poboación está baixo o Goberno de Tigrai”, apuntou á BBC Faseha Tesema, do equipo de asesoría das TDF, quen, dirixíndose á comunidade internacional, salientou que “poden traer toda a axuda internacional á inmensa maioría dos tigrinos que a precisan, dado que a situación sobre o terreo permite a súa entrega”, reclamando que “[a comunidade internacional] non ten escusas para dicir que o Goberno de Adís Adeba a ignora”.

“Non hai liñas de teléfono. O primeiro é que a xente teña algo de normalidade”, explicou Tesema, que tamén denunciou que “non hai electricidade en todas as zonas de Tigrai, á marxe de Mekelle”.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) vén denunciando nas últimas semanas a fame xeneralizada en Tigrai desde o comezo en novembro das operacións do Exército de Etiopía, acompañado polo de Eritrea, contabilizando que 353.000 persoas están a vivir unha catástrofe humanitaria, mentres que 1,8 millóns sofren unha situación de emerxencia.

Alto o fogo

Apenas unha hora despois da petición de alto o fogo, o Goberno Federal de Etiopía facía pública a declaración dun alto o fogo “unilateral” no territorio de Tigrai que se estenderá até setembro, cando remate a tempada agrícola.

O Goberno Federal sinala que “o pobo de Tigrai, especialmente nas áreas rurais, sufriu en gran medida” e, asemade, recoñece que hai que acabar de inmediato co “risco de crise humanitaria polo enfrontamento entre a nosa xente”, sumado á “pandemia de Covid-19 o desprazamento [forzoso de persoas] e a interrupción das actividade agrícolas debido á instigación dun conflito violento”, declarou nun comunicado.

Co ánimo de “enfrontar eses retos”, o Goberno Federal proclamou o alto o fogo “con efecto inmediato” pouco antes da medianoite da segunda á terza feira.

Eleccións federais

O pasado 21 de xullo decorreron en Etiopía as VI Eleccións Nacionais, malia que en varios territorios -como no caso de Tigrai-  non se puido votar, o Goberno Federal sostén que “demostran o forte compromiso do pobo etíope de decidir o seu propio destino a través dun proceso democrático e pacífico".

Esta terza feira a Xunta Nacional Electoral etíope anunciou que 378 dos 440 distritos electorais nos que se votou xa transmitiron os seus resultados. Solyana Shemelis, do departamento de Comunicación do organismo electoral, revelou que se inscribiron arredor de 37 millóns de cidadás e cidadáns no rexistro electoral. Shemelis tamén indicou que, aínda que o décimo día posterior á votación os resultados teñen que estar publicados, esa data pode variar polos retrasos nalgúns distritos. 

O nacemento do Partido da Prosperidade e o comezo do conflito con Tigrai en 2019

O conflito entre a TPLF e o Goberno Federal comeza cando o presidente Abiy Ahmed impulsa a conversión da Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope -unha coalición de partidos políticos territoriais no Goberno desde 1991- nunha forza política unificada, o que leva o nacemento a finais de 2019 do Partido da Prosperidade.

A TPLF, que daquela era a organización cunha maior estrutura dentro da coalición, decide non sumarse e opta por continuar co seu Goberno no territorio tigrino baixo unha tensión crecente. Á convocatoria de eleccións en Tigrai en setembro de 2020 en contra da decisión de Adís Adeba de adiar o proceso, seguiulle a proposta de considerar a TPLF como grupo terrorista, un día despois acusouna dun ataque a un campamento militar en Mekelle, atentado que a forza tigrina rexeita como propio.

Comentarios