Organiza unha feira na Coruña

O Fòrum Gastronòmic prescinde dunha empresa por ser propiedade dun amigo de Puigdemont

Xa en 2018 o grupo municipal do PSdeG-PSOE pedira á Marea Atlántica que non contratase os servizos de Incatis, compañía propiedade do empresario Josep Maria Matamala, unha persoa moi próxima a Carles Puigdemont.

33464806848_600ac53e36_z
photo_camera Un momento da Feira da Coruña na súa edición de 2018

Fòrum Gastronòmic, a entidade que organiza as feiras de Barcelona, Girona e A Coruña, acaba de rachar a súa relación con Incatis, firma propiedade de Josep Maria Matamala, avanzou o dixital Crónica Global, información confirmada pola filla do empresario en twitter.

Incatis participou directamente como unha das tres empresas organizadoras da feira gastronómica da Coruña, se ben en 2018 portavoces de Fòrum Gastronòmic, perante as críticas formuladas polo PSdeG-PSOE, rebaixaron a condición da firma de Matalama ao rol de empresa fornecedora,

De acordo coas fontes consultadas por Crónica Global, Fòrum Gastronòmic prescinde de Incatis polo dano de imaxe que lle estaría a producir a colaboración cunha empresa dunha persoa vinculada a Puigdemont.

No seu momento a prensa belga publicara que Matamala tramitou o aluguer da mansión en que vive Puigdemont en Waterloo, morada pola que o president no exilio pagaría un aluguer superior aos 4 mil euros.

Comentarios