Folga no sector público grego para exixir melloras na rede de trens

O Goberno estuda atrasar os comicios lexislativos tras o accidente do 28 de febreiro, no que faleceron 57 persoas.
Protestas en Atenas, onte. (Foto: Socrates Baltagiannis / Dpa)
photo_camera Protestas en Atenas a cuarta feira. (Foto: Socrates Baltagiannis / Dpa)

Na mañá da cuarta feira, a capital grega, Atenas, ergueuse sen metro ou autobuses por mor da folga xeral do sector público, que afectou os portos, o ensino e os centros sanitarios para reclamar melloras nas infraestruturas ferroviarias e nas medidas de seguridade, así como que o Goberno conservador asuma responsabilidades após o choque de dous trens á última hora do 28 de febreiro que provocou 57 mortes.

Ducias de milleiros de persoas uníronse ás mobilizacións convocadas en 76 cidades helenas, só na capital, entre 40.000 e 60.000 persoas segundo as fontes participaron nas marchas, que remataron con enfrontamentos entre os manifestantes e a Policía.

As traballadoras e traballadores públicos amosaron o seu apoio aos sindicatos ferroviarios, que levan en folga desde o accidente para exixir unha modernización da rede tras denunciar que os sistemas de seguridade que poderían ter evitado a traxedia non funcionaban correctamente. Amais, as e os estudantes ocuparon ducias de universidades en apoio ás reivindicacións. A meirande parte de viaxeiros do tren accidentado eran estudantes que volvían ás aulas unha vez finalizada a celebración do entroido.

Acabar coas privatizacións

O sindicato Adedi instou a pór fin “ás políticas de privatización” no sector e “depurar as verdadeiras responsabilidades polo crime homicida”. Os trens do país están en mans da compañía ferroviaria pública de Italia, que os adquiriu durante as privatizacións requiridas pola Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional para entregar un rescate económico a Grecia.

Por parte do Gabinete, que nun primeiro momento culpou o xefe da estación na que decorreu o sinistro antes de admitir as grandes deficiencias da rede, o novo ministro de Transporte, Giorgos Gerapetritis, anunciou onte medidas urxentes para aumentar a seguridade, defendendo que unha vez aplicadas volverá a circulación de trens no país. Entre estas medidas está o aumento da sinalización nas vías ou obrigar a que en cada parada haxa dous xefes de estación.

Nesa liña, Gerapetritis sostivo que o choque entre os trens “é unha traxedia nacional sen precedentes que nos asusta a todos pola súa magnitude”.

Os medios locais informan de que as autoridades gregas están a estudar atrasar a maio os comicios lexislativos, que estaban previstos para o vindeiro 9 de abril.

Comentarios