A folga pola suba salarial convértese no maior paro do Reino Unido en 11 anos

Sunak insiste en que perante o rexeitamento ás súas iniciativas non negociará até que se desconvoquen as folgas.

Xornada de folga histórica no Reino Unido. (Foto: Danny Lawson / PA Wire)
photo_camera Xornada de folga histórica no Reino Unido. (Foto: Danny Lawson / PA Wire)

Aproximadamente medio millón de traballadoras e traballadores fixeron folga esta cuarta feira no Reino Unido, na maior mobilización en máis dunha década. 300.000 docentes de 24.000 escolas, 100.000 funcionarios de ministerios, portos ou aeroportos, 70.000 persoas que desempeñan o seu labor nas universidades ou máis de 12.000 maquinistas estaban convocados, cada sector coa súa reivindicación mais con dous puntos en común, aumentos salariais para enfrontar unha alza de prezos que supera 10% e rexeitar a norma legal anti folga que impulsa o Executivo conservador de Rishi Sunak.

Esta lei é a resposta de Sunak á falta de aceptación das súas propostas entre os múltiples sectores que ou están en folga ou planean estalo para que as e os traballadores poidan minimizar a perda de poder adquisitivo. A proposta gobernamental é de aumentos limitados para non afectar supostamente o desempeño da economía británica.

Despido dos traballadores que apoien as folgas

Para frear as protestas, buscan que a lexislación fixe altos servizos mínimos e até o despido dos traballadores que voten a favor dunha folga desenvolta de forma legal. Sunak insiste en que perante o rexeitamento ás súas iniciativas non negociará até que se desconvoquen as folgas.

A mobilización chega un día despois das manifestacións en Francia para amosar o rexeitamento á reforma das pensións proposta polo Goberno de Emmanuel Macron, que adiaría de 62 a 64 anos a idade de xubilación, reforma avalada polo Fondo Monetario Internacional. Segundo recoñeceu o Ministerio do Interior francés, até 1,2 millóns de persoas saíron á rúa en todo o Estado.

Perante a negativa do Gabinete a ceder nas súas pretensións, as principais forzas sindicais do país convocaron novas protestas o 7 e 11 de febreiro.

Comentarios