FMI subvencionará a débeda de 25 países durante seis meses

A medida rexe para algúns dos Estados máis pobres e vulnerábeis, aínda que só se cingue á débeda contraída co Fondo Monetario Internacional e non a toda a débeda externa con outros países.

fmi_arxentina
photo_camera Manifestación en Bos Aires, Arxentina, o pasado 12 de febreiro, ante a chegada do FMI para renegociar a débeda (Roberto Almeida Aveledo / ZUMA)

O Fondo Monetario Internacional (FMI) anunciou nesta segunda feira, 13 de abril, a aprobación dun alivio da débeda de 25 países con fin de axudalos a liberar fondos na loita contra a pandemia do coronavirus.

A medida foi tomada baixo o paraugas do Fondo Fiduciario para Alivio e Contención de Catástrofes que se instaurou en 2015 para combater o brote de ébola en África Occidental.

"Isto proporciona subvencións aos nosos membros máis pobres e vulnerábeis para cubrir as súas obrigas de débeda co FMI para unha fase inicial durante os próximos seis meses e axudalos a canalizar unha maior parte dos seus escasos recursos financeiros cara aos esforzos vitais de urxencia médica e outros esforzos de alivio", indicou a directora xeral do organismo, Kristalina Georgieva, nun comunicado.

Os países que están incluídos no anuncio son: Afganistán, Benín, Burkina Faso, Chad, Comores, Congo, Gambia, Guinea, Guiné-Bissau, Haití, Illas Salomón, Liberia, Madagascar, Malaui, Malí, Moçambique, Nepal, Níxer, República Centroafricana, Ruanda, São Tomé e Príncipe, Serra Leoa, Tadjikistán, Togo e Iemen.

O Fondo Fiduciario pode proporcionar actualmente ao redor de 500 millóns de dólares en subvencións para o alivio da débeda, grazas ás doazóns de diversos países. Con todo, o alivio da débeda cínguese á contraída co FMI e non á que teñan con outros países. 

O FMI, canda o Banco Mundial, xa pedira hai uns días que os países máis ricos deixasen de cobrar os pagos da débeda dos máis pobres desde o 1 de maio até xuño de 2021. Ademais, son numerosas as organizacións e entes gobernamentais e non gobernamentais que piden a anulación completa ou parcial desta débeda.

O último en facelo foi o papa Francisco, este pasado domingo ─de Resurrección, segundo o credo católico─ na súa tradicional beizón urbi et orbi nunha basílica de San Pedro baleira.

Comentarios