A Flotilla das mulleres partirá para Gaza a mediados de setembro

A coligazón internacional Freedom Flotilla prevé chegar á Faixa o 1 de outubro.

Pablo Miranzo
photo_camera [Imaxe Pablo Miranzo]

Esta terza feira (8 de marzo) coincidindo co Día Internacional das Mulleres, foi presentada publicamente a IV Flotilla da Liberdade. Nesta ocasión, a embarcación contará con tripulación e pasaxe integrada unicamente por mulleres. Women's Boat to Gaza partirá a mediados do mes de setembro e conta con chegar á Faixa de Gaza o 1 de outubro. 

O obxectivo da campaña é rachar co bloqueo "marítimo e mediático" mais tamén visibilizar "o papel das mulleres palestinianas na resistencia contra a ocupación e a loita pola liberación" de Palestina

O seu obxectivo, para alén de rachar co bloqueo "marítico e mediático" imposto polo Estado de Israel contra o pobo palestiniano, é tamén "visibilizar a participación das mulleres en accións internacionais polos dereitos humanos e principalmente o papel das mulleres palestinianas na resistencia contra a ocupación e a loita pola liberación do seu pobo", sinalan nun comunicado de imprensa desde a coligazón internacional. 

Visibilizar

Aliás, visan "visibilizar os crimes de lesa humanidade que comete Israel coa ocupación e o bloqueo de Palestina" xunto co "colaboracionismo de numerosos gobernos sen cuxo apoio económico, político e militar", denuncian, "sería imposíbel manter a ocupación". 

Desde a Freedom Flotilla queren dar visibilidade "as mulleres palestinianas como axente activo ao longo da historia na resistencia e loita contra a ocupación de Palestina" fuxindo da imaxe que as presenta acotío como vítimas. 

A Freedom Flotilla denuncia a "tripla opresión" das mulleres en Palestina "a ocupación", "o patriarcado" e unha "ollada occidental" reducionista

"Perante a necesidade de cambio do modelo social patriarcal actual a un máis xusto e igualitario, son precisas asccións que nos afasten da ollada androcéntrica e colonial que representou, ocultou e desvalorizou ás mulleres ao longo da historia, através de estereotipos que perpetuaron a desigualdade entre homes e mulleres", afirman. 

Neste senso, subliñan, "as mulleres palestinianas promoven e protexen o patrimonio cultural do seu pobo", "desafian o toque de queda, o bloqueo e as balas", "prestan servizos de ensino e saúde en aldeas e campos de refuxiados", "constrúen casas para as crianzas orfas", "conducen o boicote á entidade sionista", "organizan concentracións emarchas para exixir a liberación dos seus familiares e amizades das cadeas israelitas", "saen ás rúas en protesta pola brutalidade da ocupación militar israelita e do bloqueo, resisten ao ocupante e néganse a permanecer en silencio" fronte, acrecentan, unha "tripla opreción". Isto é, "a xerada pola ocupación israelita", a "causada polo patriarcado" e "de maneira moi relevante, a opresión xerada pola ollada occidental" que "lle nega os espazos públicos que tradicionalmente veu ocupando". 

Comentarios