A Flotilla da Liberdade prepárase para partir rumo a Gaza

A activista Zohar Chamberlain explícanos como avanzan os preparativos desta campaña internacional encamiñada a exercer presión política contra o bloqueo a Gaza e a ocupación do territorio palestino. 

Ato-em-Londres-mostra-como-e-a-vida-dos-palestinos-que-estao-no-meio-do-conflito-na-Faixa-de-Gaza-foto-Mike-Kemp-Oxfam201408140003
photo_camera Acto desenvolvido en Londres [Imaxe Mike Kemp / Oxfam]

Aínda non ten data nen conta co número exacto de embarcacións que a comporán mais a Flotilla da Liberdade estase a preparar máis unha vez para voltar a Gaza. 

Chamberlain, en conversa con Sermos Galiza, explica que os contatos entre as diversas organizacións, colectivos e asociacións que integran a frota se realizaron "antes do cesar o fogo" acordado o 26 de agosto. Mas os preparativos non foron interrumpidos pola tregua porque, acrecenta, "cremos que agora é o momento de exercer máis presión". 

E é que, embora daren por rematadas as agresións contra Gaza, o goberno de Tel Aviv mantén as hostilidades e mesmo aprobou --após o cesamento do fogo-- a construción de novos asentamentos coloniais en Cisxordania.

A Flotilla da Liberdade ten por obxectivo "exercer presión política" para pór fin ao bloqueo que padece Gaza desde 2006

Neste senso, desde a organización da Flotilla da Liberdade lembran que "os Acordos de Oslo" asinados en 1993 "foron incumpridos na súa totalidade" polo executivo sionista, "que non só non deu pasos para descolonizar Cisxordania", senón que "aumentou exponencialmente o número de colonos instalados en terras usurpadas aos seus donos palestinianos mediante leis ilegais ou por ocupación por forza militar". 

"Israel actúa de maneira ilegal"

Neste senso, entre os obxectivos da Flotilla atópase pular pola "aplicación efectiva das decisións de Nacións Unidas que desde a resolución 242 de 1967 insta a Israel a abandonar os territorios ocupados". 

"Nós exiximos o mínimo", explica Zohar Chamberlain, "porque tamén poderiamos defender o fin da ocupación e o cumprimento do dereito de autodeterminación do pobo palestiniano" pois, sentencia, "Israel actúa de maneira ilegal". 

A organización pide "apoio" e "protección" após o masacre de activistas no Mavi Marmara en 2010

Para tal fin, as organizacións e colectivos que promoven máis unha acción da Flotilla "imos buscar apoio civil e político" visando que "Israel teña que pensar moito a resposta que vai dar" @s activistas. Chamberlain lembra o acontecido en 2010 cando as embarcacións saídas desde Istambul foron interceptadas pola armada israelita e atacadas por ar, asasinando, con senllos disparos na cabeza, a 10 d@s integrantes do Mavi Marmara. Razón pola que piden "protección e apoio" en exercicio da "libre navegación polas augas do Mar Mediterráneo" que, din, "é un dereito lexítimo". 

Así, reclamarán ás forzas políticas do conxunto do Estado español que acollan as súas demandas e eleven as peticións da Flotilla ás institucións españolas e comunitarias.

Comentarios