A Flotilla da Liberdade atravesa augas internacionais baixo vixilancia

A iniciativa Rumbo a Gaza denuncia que un avión de recoñecemento e varios barcos sen identificar seguen a Flotilla desde hai horas. 


A III Flotilla da Liberdade continúa rumo a Gaza. Este sábado entraban en augas internacionais onde, segundo alertan, están a ser vixiados por un avión de recoñecemento e varios barcos sen identificar que os seguen desde hai varias horas.

A Flotilla ten previsto chegar a Gaza nos próximos días. “Con diferentes estratexias e diferentes rutas continuaremos navegando até que se levante o bloqueo e abran o porto de Gaza”, manifestan os responsábeis.

A bordo dos catro buques, medio centenar de persoas –activistas, xornalistas e políticos dunha vintena de países, entre elas a europarlamentaria do BNG Ana Miranda- viaxan para romper o cerco da Franxa, en solidariedade cos case dous millóns de palestinos e palestinas. 

Forcades deixa a viaxe

Deixou a viaxe este sábado a relixiosa Teresa Forcades, obrigada por unha “forte indisposición”, segundo informou ´La Vanguardia´.

É a terceira Flotilla da Liberdade que trata de sortear o bloqueo israelí para achegar axuda humanitaria a Gaza. En 2010, un ataque militar contra a primeira Flotilla deixou 10 persoas mortas.

Comentarios