A fiscalía suíza atopa en Andorra unha conta bancaria vinculada a Juan Carlos I

O rei emérito español usou unha mercantil  panameña controlada por 'homes de palla' para ocultar presuntamente un depósito que estivo operativo até 2016, segundo desvela ‘El Confidencial’. Con este descubrimento, as dúas regularizacións fiscais do emérito non son válidas e poden recibir unha denuncia da Fiscalía

 

Graffiti de Juan Carlos I a punto de caer, nunha céntrica rúa de Valencia. Rober Solsona  Europa Press
photo_camera Graffiti de Juan Carlos I a punto de caer, nunha céntrica rúa de Valencia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

O rei emérito español tivo un depósito no banco andorrano Andbank durante dez anos, de 2006 a 2016. A conta controlábase  a través dunha sociedade mercantil  panameña chamada Stream SA, tal e como desvela El Confidencial esta terza feira. Dita sociedade disolveuse hai pouco máis dun mes, o pasado 4 de maio.

Con este descubrimento, as dúas regularizacións fiscais do emérito non son válidas e poden recibir unha denuncia da Fiscalía.

As pescaudas do fiscal Yves  Bertossa chegaron até Andorra seguindo as investigacións sobre a Fundación  Zagatka - que pagaba as viaxes privadas do rei e que se usaba para cobrar presuntas comisións-. 

A investigación tributaria sobre o Borbón, que até agora só se baseaba nos activos ocultos do emérito en Xenebra,levou os investigadores a Andorra. Detectaron unha transferencia da fundación Zagatka, que debía acabar en Stream SA, en Panamá, mais que se dirixiu a Andorra.

A conta de Andorra podería ser clave no entramado que supostamente tiña organizado Juan Carlos I para atesourar o seu diñeiro fóra do Estado español

Trátase de 150.012,18 euros que saíron da conta suíza da Fundación Zagatka o 19 de maio de 2008 con destino Stream SA, mais ese importe, segundo un documento, non chegou nunca a Panamá senón que se enviou a Andorra, por orde de Arturo Fasana, un dos homes de palla do rei.

A conta de Andorra podería ser clave no entramado que supostamente tiña organizado Juan Carlos I para atesourar o seu diñeiro fóra do Estado español. Os investigadores cren que a sociedade  panameña usábase como pantalla para despistar e ocultar sobre a súa conta de Andorra.

Este novo descubrimento volve situar en primeira liña a situación do rei emérito español, que desde mediados do ano pasado permanece fóra do Estado español.

Comentarios