A Fiscalía recorre a imputación de Cristina de Borbón

Di da instrución que reflicte unha "espiral inquisitiva" e acusa o xuíz de dirixir unha investigación "á carta" e de imputar a irmá de Felipe VI con "meras conxeturas".

cristina_ancha

O Ministerio público saíu ao paso do procesamento de Cristina de Borbón e presentou un recurso ao último auto ditado polo xuíz instrutor do caso Nóos no que a irmá de Felipe VI aparece como imputada por un presunto delito de branqueo de capitais e como "cooperadora necesaria" de dous delitos fiscais cometidos polo seu compañeiro, Iñaki Urdangarín. 

Segundo o fiscal, Pedro Horrach, do escrito non se desprenden "que concretos delitos e feitos poden imputarse a Cristina de Borbón", afirma no seu recurso, no que acusa tamén ao xuíz Castro de empregar "a mera especulación cando non a pura ficción" para "construír uns feitos de aparencia delitiva". 

Nestes termos se posiciona a Fiscalía que toma parte activa con este recurso na defensa da aínda infanta e duquesa de Palma. Para alén do que poida facer a defensa de Cristina de Borbón, o Ministerio público solicita ao xuíz instrutor a retirada da súa imputación pois, di, baséase en "actos de fe" e non en "indicio incriminatorio algún". 

Segundo a Fiscalía Cristina de Borbón descoñecía as actividades delitivas de Urdangarín e acusa ao xuíz instrutor, José Castro, de "construír uns feitos de aparencia delitiva" baseándose "na mera especulación"

Porén, no seu auto, Castro coida que a participación da irmá de Felipe VI como co-titular da empresa Aaizón --da que ten o 50%-- evidencia a súa "cooperación necesaria" para que Urdangarín defraudase á Facenda pública "un total de 337.138 euros nas cotas do IRPF correspondente aos anos 2007 e 2008", sinala. 

Aliás, a propia Axencia Tributaria e e a Fiscalía apuntan a esa entidade como unha empresa pantalla creada co obxecto de tributar menos na declaración da renda e unha das empresas ficticias empregadas para desviar fondos públicos obtidos das Administracións por parte do instituto Nóos. Cumpre lembrar que Cristina de Borbón era secretaria da entidade e asinaba boa parte dos documentos que se inclúen na instrución. Aliás, segundo a investigación xudicial o diñeiro defraudado tería sido investido na rehabilitación da casa que ambos os dous partillaban e mesmo para sufragar gastos correntes da familia. 

No entanto, segungo Pedro Horrach, a infanta non cometeu delito algún porque, di, descoñecía a actividade e de defraudación tributaria do seu compañeiro. Así mesmo, sinala que durante o decorrer da instrución o xuíz Castro despreza "indicios de notábel forza exculpatoria" no que constitúe, subliña, "a persecución de condutas atípicas". 

Comentarios