MANTÉN O DELITO DE REBELIÓN, QUE DESBOTA A AVOGACÍA DO ESTADO

A Fiscalía pide 25 anos de prisión para Oriol Junqueras e 17 para ‘os Jordis’

Junqueras
photo_camera O líder encarcerado de ERC, Oriol Junqueras. Foto: cedida.

A Fiscalía vén de presentar esta sexta feira as súas conclusións provisionais sobre os independentistas cataláns procesados. Nelas, pide 25 anos de cárcere para o ex vicepresidente Oriol Junqueras, 16 para cada un dos 5 ex consellers presos e 17 para Jordi Sanchez, Jordi Cuixart e Carme Forcarell, ex presidenta do Parlament.

A petición máis alta é, pois, para Junqueras, que afronta unha solicitude de 25 anos de prisión e outros tantos de inhabilitación por delito de rebelión. A Fiscalía aplica a este caso os artigos 472.1 e 473.1 do Código Penal, que abrangue a rebelión sen armas nin combate. Súmalle a maiores o delito de malversación e o de ser o promotor do suposto plan delitivo. 

Por debaixo do ex vicepresident e líder de ERC están as peticións para Jordi Sánchez (ex dirixente de ANC), Jordi Cuixart (ex dirixente de Omnium) e Carme Forcarell (ex presidenta do Parlament) para cada un dos que o ministerio público demanda 17 anos de cárcere e 17 de inhabilitación.

En total, a suma de peticións de pena da Fiscalía para estas persoas procesadas é de 177 anos de cárcere

Os ex consellers Jordi Turull, Raül Romeva, Quim Forn Josep Rull e Dolors Bassa enfrontan 16 anos de prisión e inhabilitación. Carles Mundó, Meritxell Borràs e Santi Vila, 7 anos de prisión e 16 de inhabilitación por malversación, ademais dunha multa de 100 euros diarios.

Para Mireia Boya, deputada da CUP, e os membros da mesa do Parlament Lluís Maria Corominas, Lluís Guinó, Anna Simó, Joan Josep Nuet e Ramona Barrufet, a petición da Fiscalía é dunha multa de 30.000 euros por un delito de desobediencia.  

O ministerio público demanda ademais 11 anos de prisión para Josep Lluís Trapero, ex maior dos Mossos, e os ex responsábeis políticos dos Mossos d'Esquadra Cèsar Puig e Pere Soler, a quen atribúe delitos de rebelión. Para a intendente da policía catalá Teresa Laplana pide 4 anos de prisión.

Jordi Cruixart manda unha mensaxe desde a prisión: "Alguén pensa que por 17 anos de prisión imos renunciar ao noso obxectivo?".

O ministerio fiscal está representado no xuízo do 1-0 polos fiscais Javier Zaragoza, Consuelo Madrigal, Fider Cadena e Jaime Moreno. Estes apostan por manter o relato que fixeron ao longo de todo o proceso: que en Catalunya houbo un alzamento violento e público para, entre outros obxectivos, “derrogar, suspender ou modificar total ou parcialmente a Constitución” e a orde territorial estabelecida.

Valoracións

Para Joaquín Urias, ex letrado do Tribunal Constitucional, estas peticións indican que "parece que a fiscalía quere guerra. 25 anos de cárcere por organizar un referéndum non tens nin pés nin cabeza". A conta persoal do ex conseller Raül Romeva (para quen piden 16 anos de prisión) recolle esta reflexión: "É unha represalia a unha ideoloxía". Tamén se pronuncia Josep Turull (demandan para el 16 anos de cárcere) a través de twitter: "Ningunha sorpresa". 

Mediante a mesma vía das redes sociais, Jordi Sánchez apela a "superar a dor e a desorientación. Non facelo sería dar a razón aos políticos e xuices españois que agora hai un ano van decidir que a represión era a única resposta que Catalunya merecía". Tamén Jordi Cruixart: "Alguén pensa que por 17 anos de prisión vannos facer renunciar os obxectivos? Non coñecen a sociedade catalá". 

Comentarios