A Fiscalía non ve motivos para investigar o máster de Casado

Para o ministerio público, a xuíz de Madrid Carmen Rodríguez Medel non ten razón ao imputarlle dous delitos. Persoas nas mesmas circunstancias de Casado si que están a ser investigadas. Rodríguez Medel traspasou o asunto ao Supremo dado que o líder do PP goza de aforamento pola súa condición de deputado.

Pablo Casado vota nas primarias do PP
photo_camera Pablo Casado vota nas primarias do PP

Para a Fiscalía Xeral do Estado —órgao nomeado directamente polo executivo, embora formalmente teña autonomía de decisión— non existiría prevaricación por parte do líder do PP na obtención do máster na Universidade Juan Carlos I porque non existe ningún dado que permita prexulgar que o político presionou os responsábeis do mestrado.

A prevaricación en todo caso afectaría os profesores responsábeis do máster, estima o ministerio público.

Canto ao delito de suborno, apontado tamén pola xuíz de Madrid Carmen Rodríguez Medel, os maxistrados do Supremo entenden que en todo caso estaría prescrito porque os feitos se remontan a 2008, isto é, xa pasaron máis de 5 anos desde que tiveron lugar.

A decisión do Supremo supón un balón de oxíxeno para Casado nun momento en que, aliás, a atención está posta na apropiación dun texto sen cita por parte de Pedro Sánchez no libro en que recolleu as conclusións da súa tese.

Comentarios