Catalunya

A Fiscalía de Madrid di que Puigdemont si pode ser candidato

A fiscalía provincial de Madrid contradí a Xunta Electoral Central e asegura que tanto Carles Puigdemont coma a ex consellera Clara Ponsatí e o ex conseller Toni Comín, que se atopan no exilio, teñen todos os dereitos para poder participar de candidaturas nas eleccións europeas.

Puigdemont
photo_camera Puigdemont, Torra e Ponsatí

Duro revés para a resolución da Xunta Electoral Central que coa admisión dos recursos de PP e Ciudadanos pretendía impedir que Puigdemont participase nas eleccións europeas. A fiscalía provincial de Madrid vén de contradicir a Xunta Electoral Central e asegura que tanto Carles Puigdemont coma a ex consellera Clara Ponsatí e o ex conseller Toni Comín, que se atopan no exilio, teñen todos os dereitos para poder participar en candidaturas.

O pasado 29 de abril a Xunta Electoral impedían a Puigdemont, Ponsatí e Comín poder optar a escano no Parlamento Europeo ao aceptar os recursos presentados por PP e Ciudadanos onde argumentaban que estas tres persoas exiliadas se atopaban en rebeldía procesual penal, polo que se convertían en inelixíbeis.

A fiscalía considera que a resolución de Xunta Electoral non se axusta ao dereito

Mais a fiscalía considera que a resolución de Xunta Electoral non se axusta ao dereito e oponse así á súa resolución, tal e como reclamaba o recurso presentado desde a formación política JuntsxCat.

Este parecer foi comunicado pola Fiscalía ao xulgado do contencioso-administrativo, que será agora quen resolva a reclamación imposta por Puigdemont, Ponsatí e Comín.

A resolución de Xunta Electoral Central contaba co voto particular do presidente, o vicepresidente e dous vogais favorábel a que Puigdemont, Comín e Ponsatí puidesen presentarse ás eleccións. Precisamente, a Fiscalía baséase nisto no seu escrito. A resolución da xunta sostiña que as persoas que se pretendían candidatar figuraban no censo español, pero que é "notorio" que residen no estranxeiro. Mais para a Fiscalía Provincial de Madrid o feito de ser persoas electoras, é dicir, formar parte do censo, xa é suficiente para ser "elixíbel.

Segundo o fiscal, a Xunta Electoral Central creou unha causa de inelixibilidade non prevista na lei, o cal asegurou que non é compatíbel coa lei electoral nin cos preceptos constitucionais. O fiscal lembrou que a lei non prevé ningún condicionante nin ningunha restrición ao sufraxio pasivo (presentarse a unhas eleccións) que non sexa a condena por sentenza firme.

Comentarios