A Fiscalía atopa un testaferro de Juan Carlos I nun xeriátrico en Zaragoza

Calcúlase que a empresa 'offshore' xestionada por Joaquín Romero Maura ocultou uns dez millóns de euros do rei emérito español.

Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)

A fiscalía do Tribunal Supremo español localizou nunha residencia xeriátrica en Zaragoza un dos testaferros de Juan Carlos I. Segundo informa El Confidencial, Joaquín Romero Maura, historiador de 81 anos, prestou a súa identidade a Manuel Prado y Colón de Carvajal - empresario e administrador persoal do rei emérito – para crear unha compañía offshore na illa de Jersey.

En 2009, cando morreu Prado, Romero Maura converteuse no único xestor dos fondos opacos. segundo desvela o mencionado xornal.

O diñeiro en Jersey xurdiu nunha terceira investigación da Fiscalía sobre negocios de Juan Carlos I. A Fiscalía tamén ten abertas dilixencias para as comisións do tren de alta velocidade na Meca e polos fondos que recibiu a través do empresario mexicano Allen Sanginés –Krause.

A fiscalía descubriu que houbo varios movementos de capitais cando Romero Maura, con capacidades físicas e mentais deterioradas, xa estaba hospitalizado na residencia de maiores

No caso de Jersey, a fiscalía descubriu que houbo varios movementos de capitais cando Romero Maura, con capacidades físicas e mentais deterioradas, xa estaba hospitalizado na residencia de maiores. Os investigadores agora queren saber se os movementos se fixeron co  aval do testaferro.

Segundo El Confidencial, o destinatario do diñeiro foi o rei emérito de España, aínda que o seu nome non aparece en ningunha das transaccións. Calcúlase que a empresa offshore de Jersey ocultou uns dez millóns de euros.

Quen é Romero Maura?

Joaquín Romero Maura é un recoñecido historiador, especializado en restauración española, que pasou boa parte da súa carreira na Universidade de Oxford, onde investigou. Agora, Romero Maura tamén é coñecido pola súa liñaxe, porque é bisneto do ex presidente español Antonio Maura

Comentarios