Fiscalía anticorrupción xa non descarta imputar a filla do Rei no caso Nóos

O auto do xuíz instrutor sinala que Cristina de Borbón coñecía a actividade do seu compañeiro Iñaki Urdangarín, pois multitude de testemuñas que traballaron no fogar do matrimonio recoñeceron que o xenro do monarca lles ofreceu contratos ilegales en presenza dela
photo_camera [Imaxe: SG]


Aínda que nun primeiro momento a fiscalía anticorrupción asegurou non dispor de "indicios suficientes" para imputar a Cristina de Borbón no caso Nóos canda o seu compañeiro, Iñaki Urdangarín, as últimas informacións que transcenderon fixeron recuar a Pedro Horrach.

Así, aos mails do seu ex-socio Diego Torres e da imputación do secretario das fillas do Rei, Carlos García Revenga, cómpre sumar o auto de medidas cautelares ditado polo xuíz instrutor e no cal impuxo unha fianza civil de 8,2 millóns para Urdangarín e Torres.

O documento sinala, segundo informa a axencia de noticias Europa Press, que o xenro do rei ofreceu contratos ilegales a traballador@s que realizaban tarefas domésticas na súa vivenda. Fíxoo a través da inmobiliaria Aizoon, que partilla ao 50% coa filla do monarca español, e diante dela.

Achégase nel a declaración de múltiples testemuñas, entre elas unha empregada do fogar a quen Urdangarín advertiu, en presenza de Cristina de Borbón, que non lle farían un contrato laboral, senón que cobraría en negro. A traballadora, unha muller inmigrante, acrecentou no seu testimonio que cando lle pediu un contrato a Urdangarín ao estar en trámites de ter a nacionalidade española, aquel accedeu e fíxollo a través da inmobiliaria.

Así as cousas, fontes da investigación sinalaron que máis da metade do cadro de persoal de Aizoon estaría composto por traballador@s da casa do matrimonio e por empregad@s pantasma.

Segundo Facenda, Urdangarín empregou esta sociedade para defraudar por volta de 240 mil euros entre 2007 e 2008. A fiscalía anticorrupción decidirá sobre Cristina de Borbón após ouvir a declaración de Diego Torres, que prestará o 16 de febreiro perante o xuíz Castro, que instrúe o caso.

Comentarios