A fiscalía alemá pide que se tramite a extradición de Puigdemont

O ministerio público demanda a entrega a España do president polos delitos de rebelión e malversación de fondos (o Tribunal Supremo español investígao tamén por sedición). O fiscal entende que os cargos que lle imputa Llarena a Puigdemont tamén son puníbeis no ordenamento xurídico alemán.

Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
photo_camera Puigdemont,. fotografado en Bruxelas

O Ministerio Público -non o estatal, senón a fiscalía do land de Schleswig-Holstein- demanda tamén que se manteña a prisión provisional de Puigdemont no penal de Neumünster, por apreciar a existencia de risco de fuga.

A petición será agora avaliada polo tribunal superior do land de Schleswig-Holstein, instancia xudicial que dispón dun prazo de entre dous e tres meses para se pronunciar.

En declaracións a RAC 1, o avogado de Puigdemont, Jaume Alonso Cuevillas, restou dramatismo a este movimento da fiscalía. "A noticia tería sido que non se aceitase a trámite" a petición de extradición, dixo, para a seguir prognosticar que o proceso xudicial que se abre a partir de agora será moi longo.

Alonso Cuevillas esclarece que o tribunal de Schleswig-Holstein non vai entrar a dilucidar se os feitos que se lle imputan a Puigdemont son certos ou non, senón que se limitará a estabelecer se son puníbeis ou non de acordo co ordenamento xurídico alemá.

Os argumentos da fiscalía

A este respeito, e nun comunicado feito público esta terza feira, a fiscalía de  Schleswig-Holstein considera que os delitos que se imputan a Puigdemont -e polos que Llarena pide a extradición por meio dunha euro-orde- si teñen correspondencia no dereito alemán. Destarte, afirma que a rebelión do código penal español se corresponde co delito de alta traizón tal e como aparece nos artigos 81 e 82 da equivalente lei xermánica en que se tifipica. O ministerio público asume a tese da fiscalía española ao sinalar que os cargos que pesan sobre Puigdemont "esencialmente inclúen a acusación de realizar un referendo anticonstitucional a pesar de se preveren incidentes violentos".

Canto ao delito de malversación, si existiría correspondencia, en concreto no artigo 266 do código penal alemán. Llarena estima os custos "de preparación e execución do referendo anticonstitucional" en 1,6 millóns de euros, e así o recolle o comunicado da fiscalía de Schleswig-Holstein.

Comentarios