A Fiscalía abre unha terceira investigación ao rei emérito

Á investigación sobre o cobro de 65 millóns de Arabia Saudita como comisións por interceder por empresas e ao escándalo do uso de tarxetas opacas, súmase agora unha terceira investigación contra o rei emérito español Juan Carlos I de Borbón que procura coñecer se cometeu branqueo de capitais. 
Muller pasea ante unha obra crítica co rei emérito, pintada en Valencia polo artista J. Warx (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera Muller pasea ante unha obra crítica co rei emérito, pintada en Valencia polo artista J. Warx (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

A fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, revelou esta sexta feira, 6 de novembro, a existencia dunha terceira investigación relativa ao rei emérito, Juan Carlos I de Borbón, que se atopa en estado "moi embrionario" e da que se ocupará, ao igual que as dúas anteriores, a Fiscalía do Tribunal Supremo coa colaboración do fiscal xefe Anticorrupción Alejandro Luzón, presente durante o anuncio que se realizou nun encontro informal con xornalistas. 

As investigacións, da que non se concretaron datos sobre se afecta tan só ao emérito ou máis persoas da familia, aínda deben ser incoadas formalmente e parten dunha información procedente de "intelixencia financeira" -servizo executivo da comisión de prevención de branqueo de capitais (Sepblac), do Ministerio de Economía-. 

Trataríanse de condutas realizadas nun espazo temporal aínda por delimitar e que inicialmente poderían incardinarse en branqueo de capitais dos que cabería a posibilidade de que derivasen en delitos fiscais.

Esta terceira liña de investigación únese ás outras dúas xa abertas sobre o rei emérito. A primeira  procura dirimir se o cobro de 65 millóns por Juan Carlos I, procedentes de Arabia Saudita en 2008, serían a modo de comisións por interceder por empresas españolas para a construción do AVE á Meca.

Catro anos despois eses cartos foron transferidos á súa ex parella, Corinna Larsen, mais previsibelmente a investigación será arquivada ao "non se atoparen" indicios que se poidan perseguir ao Juan Carlos I gozar de inviolabilidade sobre as accións que realizou mentres exerceu de monarca.

Como non todas as persoas son iguais baixo o teito da Constitución española, a causa probabelmente continúe ao respecto doutras persoas e por iso esta parte das dilixencias volve á Fiscalía Anticorrupción. 

O segundo expediente, que se atopa xa "moi avanzado" en palabras da fiscal xeral, é o relativo a pagamentos cunha tarxeta de crédito dos que se poderían beneficiar Juan Carlos I e outros membros da súa familia sen ser titulares da conta asociada a este medio de pagamento.

Comentarios