sábado 27/11/21

O fiscal Ybes Bertossa descobre unha nova conta ligada a Juan Carlos I en Suíza

A Casa Real española garda silencio diante dos negocios sospeitosos do emérito
Juan Carlos de Borbón, coa princesa Leonor, a infanta Sofía e a raíña Letizia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Juan Carlos de Borbón, coa princesa Leonor, a infanta Sofía e a raíña Letizia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Un día despois de que Felipe VI defendera en Santiago de Compostela a honradez e a transparencia como principios reitores da acción dos responsábeis públicos, coñecíase que o fiscal suízo Ybes Bertossa descubriu unha nova conta bancaria vinculada ao pai do monarca español na sucursal de Xenebra de Credit Suisse.

O diario El Confidencial tivo acceso á documentación da investigación da xustiza suíza, que certifica a existencia dunha conta coa numeración 0251-401740-42 a nome de Lactuva SA, unha sociedade co enderezo fiscal no Panamá.

Trataríase dunha pantalla de Aba Legal Bureau, o bufete panameño encargado de constituír a empresa empregada polo rei emérito para cobrar 100 millóns de dólares procedentes de Arabia Saudita, operación actualmente en investigación pola Fiscalía do Tribunal Supremo. Nesta liña, destaca que un dos administradores de Lactuva SA, Harmodio Tejeira, está relacionado con máis de 2.800 sociedades instrumentais.

A conta de Lactuva SA foi descuberta tras recibir tres transferencias de diñeiro da Fundación Zagatka. A entidade, constituída en 2003 en Lichtenstein, con 9.000 euros, sufragou gastos a Juan Carlos de Borbón por unha contía de oito millóns de euros, sendo o seu suposto administrador o curmán do monarca Álvaro de Orleáns. Precisamente este último, negou, diante de Bertossa, coñecer a identidade dos propietarios de Lactuva SA, quen fontes da investigación consideraron un novo instrumento na rede financeira opaca articulada polo pai de Felipe VI.

As transferencias das contas de Zagatka a Lactuva foron executadas por Arturo Fasana, o contábel suízo cuxo nome apareceu de maneira repetida nos negocios sospeitosos do rei emérito. Así, o 8 de febreiro de 2008, Fasana ordenaría a Credit Suisse ingresar 19.030 euros de Zagatka a Lactuva. O 14 de abril de 2008 repetiría a operación para enviar outra remesa de 25.000 dólares da fundación á compañía panameña.

E, por último, o 15 de xullo de 2008 asinaría un último pago de Zagatka a Lactuva por 50.000 euros. As tres operacións documentadas pola xustiza suíza sumaron un importe de 85.044 euros.

A nova conta do rei emérito faise pública días antes de que se cumpra un ano da súa marcha a Emiratos Árabes Unidos e cando desde a Casa Real se traballa por abrir un corta lumes que non implique Felipe VI nos negocios do pai. 

O fiscal Ybes Bertossa descobre unha nova conta ligada a Juan Carlos I en Suíza
comentarios