Finou Martial Ménard, o home ao que lle collía todo o bretón na cabeza, e no corazón

Foi creador do festival do libro bretón de Karaez, autor do dicionario máis importante deste idioma e editor de semanarios no idioma propio da Bretaña.

martial Menard
photo_camera Martial Ménard

Aos 65 anos Martial Ménard decidiu deixar esta vida para emprender novos retos e proxectos nalgunha outra parte. Deixa un legado inmenso en múltiples eidos, como lembran en nacions.blogspot.com.es/: desde a lingua bretoa ao compromiso independentista, pasando polo mundo do xornalismo e o literario. Ménard foi o creador do festival do libro bretón de Karaez, e como lexicógrafo foi o autor do dicionario actual máis importante da lingua bretoa e devru.bzh que é consultábel en liña. O dicionario histórico da lingua bretoa é un traballo colosal, con máis de 8.000 entradas. O dicionario francés-bretón recolle 51.000 entradas recabadas ao longo de 35 anos de traballo.

Martial Ménard non se entende sen o seu compromiso. En 1975 entra na entidade Skol An Emsav, escola de bretón para adultos. En 1979 foi condenado a 37 anos de prisión por pertenza ao grupo clandestino Fronte de Liberación de Bretaña-Exército Revolucionario Bretón (FLB) . Foi amnistiado en 1981.

En 1983 mergúllase no labor de editor con An Here, que vai xestionar até 2005. No 1996 funda o semanario independentista Breizh Info con Charlie Grall e no ano 2000 comeza a escreber no diario máis importante de Bretaña, Ouest-France, coa sinatura de Skolig ar brezhoneg.

Familias e amizades déronlle o derradeiro 'kenavo' (adeus, en bretón) a Ménard en Lanrelas, a súa vila natal. O féretro, como non, marchou cuberto pola Gwenn ha du, a bandeira bretoa.

Comentarios