Finlandia: pros e contras da renda básica

Na illa de Utopía que Thomas More imaxinou para a súa máis coñecida obra, non existe a propiedade privada e todos os seus habitantes teñen garantido un ingreso vital. Era 1516. 
2020051115183361918
photo_camera No centro, a primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, rodeada por catro das ministras do Goberno que preside (Emmi Korhonen / Lehtikuva)

Medio milenio despois, o Goberno de Finlandia acaba de publicar os resultados do experimento levado a cabo entre 2017 e 2018 para avaliar o impacto da instauración dunha renda básica universal. As conclusións foron maioritariamente positivas.  

O estudo implicou a entrega dunha renda mensual de 560 euros a 2.000 persoas desempregadas de entre 25 e 58 anos ─sen obriga de buscaren traballo nin veren reducido este ingreso en caso de atoparen un─, en comparación con outro grupo de 73.000 que percibiron a tradicional prestación por desemprego. 

Segundo explica o Ministerio de Asuntos Sociais na súa web, "os receptores da renda básica estaban máis satisfeitos coas vida e experimentaron menos estrés mental que o grupo de control". Tamén, di, realizaron máis actividades de voluntariado. 

Ademais dunha mellora na saúde mental e dun incremento da confianza no futuro, o grupo da renda básica tamén rexistrou mellores datos de emprego que o grupo de control: entre novembro de 2017 e outubro de 2018, o primeiro traballou unha medida de 78 días, por 72 do segundo. Isto confirmaría que a percepción dunha renda básica non desincentivaría a procura activa de emprego

A investigación tamén descubriu un descenso do desemprego en familias con crianzas e en aquelas en que a lingua materna non era nin o finés nin o sueco. O primeiro é o idioma de 90% da poboación, o segundo de 5%. Mais tamén hai minorías lingüísticas de ruso, estoniano e sami.   

A coordinadora da investigación do Kela, Minna Ylikännö, sinalou que a renda básica "daría seguridade á xente en situacións de grande inseguridade cando non saben se van ter algún ingreso", en relación ao momento actual de incerteza por mor da pandemia.

Con todo, matizou que o estudo está condicionado pola activación en 2018 dun novo modelo con maiores restricións para o acceso ao subsidio de desemprego. "O diñeiro é importante, mais por si só non abonda para promover significativamente a oferta ou a demanda de traballo", dixo.

A ONU pide o ingreso mínimo

As Nacións Unidas volveron pedir nos últimos días aos Gobernos de todo o mundo a introdución da renda básica universal para combater a crise económica provocada pola pandemia. Desde o organismo internacional consideran que os paquetes de estímulo fiscal en que se está a traballar non abondarán para revitalizar a economía. 

Kanni Wignaraja, subsecretaria xeral da ONU e responsábel do Programa para o Desenvolvemento na rexión Asia-Pacífico considera que co diñeiro gastado en subvencionar combustíbeis fósiles e unha recadación tributaria sen paraísos fiscais, entre outras medidas, permitiría estabelecer unha renda básica universal. Un ingreso mínimo especialmente necesario nos países en desenvolvemento, onde a maioría dos ingresos públicos provén dos impostos indirectos.

O Goberno escocés, a semana pasada, foi dos últimos en anunciar que traballará por estabelecer esta renda, que xa funciona no Irán, en zonas rurais de Quenia ou en Alaska , e que, de forma limitada, tamén puxo en marcha recentemente o Executivo español.

Comentarios