Finlandia inicia a construción dun muro na súa fronteira con Rusia

O muro, que se espera estea construído para finais de xuño, ten unha lonxitude duns tres quilómetros.
Sanna Marin, primeira ministra de Finlandia (Foto: Gehad Hamdy / dpa).
photo_camera Sanna Marin, primeira ministra de Finlandia (Foto: Gehad Hamdy / dpa).

Finlandia comezou esta terza feira a construción dun muro na fronteira con Rusia, no cruzamento situado na localidade de Imatra, no sueste do país.

O muro, que se espera estea construído para finais de xuño, ten unha lonxitude duns tres quilómetros.

Trátase dunha primeira construción de proba para ampliar o seu trazado. A construción tamén contempla o levantamento de valos e a instalación de sensores de movemento, informa a cadea Yle.

Está previsto que a construción pase por terreos de propiedade privada, polo que o Estado terá que negociar cos seus donos antes de continuar cuns traballos que confían se expandan até preto de 200 quilómetros.

A fronteira

Finlandia e Rusa comparten unha fronteira duns 1.340 quilómetros, a máis extensa entre todos os países da Unión Europea (UE).

A construción do muro foi avalada por unha parte importante do arco parlamentario finlandés en outubro de 2022, despois de que o Goberno de Sanna Marin o xustificase para controlar a posibilidade de que aumenten os cruzamentos ilegais.

En setembro, Finlandia aprobou o fechamento das fronteiras aos turistas rusos, en plena escalada migratoria derivada da mobilización parcial anunciada ese mesmo mes polo presidente da Federación rusa Vladimir Putin, sumándose así ás restricións nese sentido que xa adoptaron antes os países bálticos e Polonia.

Comentarios